Vilagarcía abre mañá unha programación especial co gallo das Letras Galegas, este ano adicadas a María Victoria Moreno, a cuarta muller homenaxeada nas 55 edicións que se levan celebrado dende o 1963. As actrices de Matrioska Teatro, que logo dun gran traballo de documentación fixeron unha obra ex profeso para a ocasión, serán as encargadas de inaugurar a programación cun espectáculo teatral ás 21.00 horas no Salón García. Todas as actividades teñen entrada de balde.

Dúas das tres membros de Matrioska, xunto co cantor Davide Salvado, estiveron onte en Vilagarcía para acompañar á concelleira de Cultura, Sonia Outón, na presentación dos actos. A que non puido asistir, Lorena, foi precisamente alumna de María Victoria Moreno. Para as súas compañeiras coñecer a figura desta cacereña "namorada de Galicia foi un descubrimento moi grande".

Despois de destacar unhas pinceladas sobre a vida da homenaxeada, unha das actrices de Matrioska reivindicou que "o 17 de maio ten que ser todo o ano". Neste sentido tamén se pronunciou a propia edil vilagarciá, animando á xuventude a falar galego, pois "é donde estamos perdendo o idioma". O seu departamento mercou algúns libros en galego, como o de "Leonardo e os fontaneiros" para que os colexios da cidade traballaran nel antes de disfrutar la representación teatral de Ubú Teatro o 28 de maio no Auditorio. Estas funcións están destinadas exclusivamente aos estudantes.

A programación das Letras Galegas en Vilagarcía inclúe teatro, música e cine. A Matrioska seguiralle no calendario Odaiko e Fantoches Baj, que porán en escena "Mar adiante" o 5 de maio. Do 14 ao 31 de maio a biblioteca municipal acollerá unha exposición bibliográfica sobre as obras de María Victoria Moreno e o 14 de maio haberá unha actividade para os alumnos. Será un coloquio sobre o libro "Os nenos da varíola", de María Solar. A autora conversará cos rapaces.

Ao día seguinte, o 15 de maio, o Conservatorio dará un concerto especial ás 19.00 horas no Auditorio e o día 16 tocaralle o turno ao cine, coa proxección do Cineclube Ádega de "A palabra xusta" (Salón García, 21.00 horas).

O acto central será en Carril o 17 de maio, Día das Letras, con música tradicional a partires das once da mañá. Ás 12,30 horas ofrenda floral no busto de Rosalía e ás 13.00 horas concerto sesión vermú de Davide Salvado con Pedro Pascual, na Praza da Liberdade. Davide ofrecerá un espectáculo "moi íntimo e tranquilo,mariñeiro, con repertorio galego pero tamén boleros e habaneras", adiantou onte en Vilagarcía.