A concelleira de Cultura do Concello do Grove, Emma Torres, anuncia que ten preparada a súa programación para celebrar o mes do libroen colaboración co programa “Ler conta moito” da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.

Deste xeito, o sábado a partires das 11.30 horas comezará a programación na Biblioteca Municipal do Grove cun contacontos dirixido a público infantil, a partir de 4 anos, que adapta a técnica do 'kamishibai' facendo das ilustracións elementos para ver e tocar, manipular e vestir. Chámase “Debulendo lendas... galegas” e pertence a Tarabelos Teatro.

O seguinte sábado, o 21 de abril, a Axencia de Lectura de San Vicente acollerá a actividade titulada “Chocolate”, a cargo de Teatro Calavera.

Coincidindo co Día do libro, o 23 de abril, a Biblioteca Municipal acollerá un contacontos teatral titulado “Avós”, de Trinketrinke Teatro.

Asemade, o 28 de abril será a quenda dos máis novos, xa que “Migallas Teatro” ofrecerá, tamén na Biblioteca Municipal, unha sesión do seu espectáculo “Os contos do chupete”.

Explica Emma Torres que son “contos para bebés que integran a música en directo, a literatura infantil, a expresión dramática e a tradición oral”.

Hai que sinalar que para todas estas actividades as prazas son limitadas, polo que é preciso inscribirse a través do servizo de bibliotecas, por teléfono, correo electrónico ou Facebook.

Pero hai outras propostas a ter en conta. O sábado 5 de maio, a partir das 18.00 horas e con entrada libre, o salón de actos da Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey vai acoller o espectáculo familiar de maxia “Rey Mr. Happy”, a cargo de Francis Zafrillas.

Engade a concelleira que “na actividade combínase música en directo, malabares e maxia”.

E remata decindo que “ademáis de toda esta oferta as visitas escolares e as actividades de dinamización lectora completarán unha grande programación para o mes do libro”.