Por "unha tolería" case que aleatoria estudou Dereito e foi avogada "de rebote", pero ela non quería adicarse a esta profesión. Malia todos os consellos recibidos, decidiu ir contracorrente e hoxe por hoxe ten moi claro que a súa decisión foi a axeitada, polo que está contenta de ter sido "unha rapaza rabuda" e deixar o dereito pola literatura. A multipremiada Ledicia Costas (Vigo, 1979) estivo onte no Salnés para contestar a todas as preguntas dos alumnos dos colexios de San Roque (Corón, Vilanova) e do Enrique Barreiro Piñeiro (Vilariño, Cambados), quenes incorporarán a entrevista coa escritora ao xornal co que participan no FARO DA ESCOLA, un proxecto do diario decano que pretende achegar a prensa aos centros educativos.

Aos rapaces sorprendeulles a idade coa que Ledicia comezou a escribir (13 anos) e a publicar as súas obras de literatura infantil e xuvenil (a primeira, Unha estrela no vento,Unha estrela no vento con 16), pero co que quedaron totalmente abraiados foi co tempo que a viguesa tarda en escribir os seus libros: Escarlatina, a cociñeira defunta, en 34 días; Esmeraldina, a pequena defunta (a primeira parte), en 42; A señorita Bubble, sobre 50; e Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, algo máis de 60. "O que máis tempo me levou foi Un animal chamado néboa, porque estiven dous anos lendo sobre a segunda Guerra Mundial", confesou Ledicia Costas aos escolares.

Aínda que "pareza pouco tempo" -advertiulles-, eses días adícaos a tempo completo a escribir. Da mañán á noite. ¿O seu ritual? Poñerse a pensar diante do ordenador en pixama e zapatillas coa única compaña da súa cadeliña Maia.

Algúns escritores en potencia de Corón e Vilariño interesáronse por recibir consellos da flamante autora coa que aspiran a compartir profesión. En ambos os dous centros a resposta, evidentemente, foi a mesma: "Devorar libros". De feito ela podía chegar a ler catro á semana. Matilda, Charlie e a fábrica de Chocolate ou Alicia no país das marabillas foron algunhas das súas lecturas favoritas na infancia. "Non hai unha carreira universitaria de escritora", aclaroulles, polo que insistiu na necesidade de "alimentarse" de libros.

A preguntas dos nenos, Ledicia Costas recoñeceu que aínda que se adica en exclusiva na literatura, apenas ten tempo libre ("en agosto si", dixo). Ademais de escribir, imparte unha chea de charlas nos colexios, tanto de Galicia como tamén de fóra da comunidade galega.

A viguesa ten escrito 15 libros de literatura infantil e xuvenil, dos cales foron publicados case todos (13), e agora está volcada nunha novela de adultos -ademais de ter pensado escribir no verán a segunda parte de A señorita Bubble-. "Oh, que pena!", reaccionaron os rapaces, que agasallaron á escritora cun recibimento e cunha despedida que non pasaron por alto ante os ollos da invitada. No colexio de Vilariño, estudantes e profesores pintaron as súas caras coma se fosen defuntos e ambientaron a biblioteca no mundo dos mortos, coma en Escarlatina, a cociñeira defunta, obra na que están a traballar. Así, receitas do máis chamativas, lápidas de papel coa visita de Ledicia ao cole ou incluso un cadaleito de cartón con libros escritos pola invitada chamaron a atención da viguesa. A bibliotecaria, para la ocasión "Beatriz Cicatriz", tamén participou na entrevista, preguntando á "mellor escritora do inframundo" por que escribe en galego.

A autora admitiu que foi educada en castelán, lingua na que fala a súa familia, e que ata o instituto non lera nada en galego. No IES de Beade descubriu obras como Cartas de Inverno (de Agustín Fernández Paz) ou algunhas de Fina Casalderrey, que lle apaixoaron, e a partires e aí pouco a pouco foise convertindo nunha "defensora do galego", idioma no que pensa, fala, escribe e soña.

En canto ao falso mito de que escribindo en castelán podería chegar a máis xente, Ledicia Costas deixou claro aos escolares que para iso están as traducións. De feito ela ten libros traducidos ao castelán e catalán, e "en maio, ao coreano", anunciou.

Cociña e cemiterios

No CEIP San Roque os nenos tamén traballaron a reo na obra de Ledicia. Ademais de ler os seus libros ( Inmundicia e Roñoso os de primeiro, segundo e terceiro de Primaria; A Señorita Bubble os alumnos de cuarto; e Escarlatina os de quinto e sexto), os rapaces encheron os pasillos do centro vilanovés de murais sobre a obra e figura da autora viguesa, a cal lles confesou da súa viva voz que é "mala" na cociña e que de nena encantáballe ir ao cemiterio todos os sábados co seu excéntrico avó (quen tiña a teoría de que para que un coche durase moitos anos tiña que durmir ao quente, polo que o del tíñao xunto a unha estufa), pero non porque lle gustasen os mortos, senón porque fixándose nas lápidas descubriu nomes tan particulares como Socorro ou Macedonia.

Aínda que a súa obra é ficción, Ledicia adoita importar nas súas liñas localizacións "familiares", e tamén algunha que outra personaxe, coma o Instituto de Beade no que estudou, a profesora de Matemáticas ou uns veciños do seu barrio no que se inspirou para escribir Inmundicia e Roñoso. Os actos tanto en Vilanova como en Cambados remataron coa sinatura dos libros que levaba cada un dos cativos.

O FARO DA ESCOLA é un proxecto educativo de FARO DE VIGO e está patrocinado pola Deputación de Pontevedra e polas empresas Vegalsa Eroski e Vitrasa. Colaboran Edicións Xerais e o CSIC.