A locomotora do proxecto María Fumaça, desembarca hoxe, unha vez máis, no Auditorio da Illa de Arousa, un lugar que converteu en parada obrigada desde que comezou a súa andaina hai xa cinco anos. O espectáculo, que xira arredor da figura do neno Rui, ten como principal obxectivo derrubar as barreiras coas que se topan as persoas con algún tipo de discapacidade, mais durante todos estos anos, converteuse nunha das grandes referencias da música galega.

Máis de trinta persoas participan activamente neste proxecto, incluso, subíndose ao escenario, ainda que entre os seus máximos impulsores atópanse dúas persoas moi vencelladas á Illa, como son a cantante Uxía Senlle e o actor Carlos Blanco.

Nesta ocasión, María Fumaça chega ao Auditorio da Illa cos sons recollidos en "As que máis molan!!!!", o título baixo o que se acubillan as novas cancións, como "nun mar azul" e "Convivindo". De todas formas, estas non van a ser as únicas pezas que van a tocar hoxe no Auditorio, xa que tamén soarán temas que ocupan un lugar no imaxinario de moitos nenos galegos.

O momento para desfrutar da música que traerá a locomotora de María Fumaça será a partires das 19.00 horas, e os billetes terán un custe de seis euros para todos aqueles que queiran participar desta viaxe chea de ilusión, optimismo, e sobre todo, boa música.

A propia Uxía Senlle ten recoñecido que o espectáculo de "María Fumaça, as que máis molan!!!" é "moi colorido, diferente aos demais, con músicos subidos na locomotora da alegría". Entre os músicos que colaboraron na elaboración deste disco destacan nomes como Sérgio Tannus (guitarra e direción musical), Santi Cribeiro (acordeón), Antonio Castillo (contrabaixo), Raquel Domínguez (gaita), Oli Xiráldez (requinta), Pablo Ces (bombo) e Andrés Xiráldez (percusión). Tamén estarán o propio Rui e o seu pai, Manuel Sío, que nunca faltan a unha estación das que agardan a chegada da locomotora de María Fumaça.