Dez anos leva xa este vilagarcián en Praga. Alí chegou por motivos académicos e dende entón a súa vida xira en torno á capital da República checa. Con estudos en Inxeniería Agrícola está facendo un exitoso camiño laboral en cuestións relacionadas coa tecnoloxía.

--Adícase a cuestións informáticas. ¿A qué concretamente?

-Actualmente traballo no departamento de Tecnoloxías da Información e Telecomunicacións dunha empresa internacional que conta cuns 30.000 empregados arredor do mundo. A miña función principal é a de resolver problemas complexos relacionados cos dispositivos móbiles e o sistema de correo electrónico corporativos. Formo parte dun equipo multidisciplinar denominado "Equipo de Soporte Avanzado" (somos unha especie de "Equipo-A" do departamento). A miña especialidade son os dispositivos móbiles, as miñas ferramentas de traballo principais: un iPhone e un iPad.

--¿Cómo xurdiu a posibilidade de marchar para alá? ¿Cómo foi a súa traxectoria laboral ata hoxe?

-Cheguei a Praga no 2007, cando estudaba Agrícolas en Lugo, a través do programa Erasmus e a verdade que me encantou a cidade. Regresei en varias ocasións no 2009 e no 2010 comecei unhas prácticas nunha empresa agrícola checa. Foi unha experiencia da que teño moi bos recordos. Traballaba nas oficinas en Praga, aínda que tamén pasei algunha tempada en campo, nun dos centros de produción. Nos últimos meses axudaba cos equipos informáticos e pódese dicir que foi así como comezou, sen eu decatarme, o salto á informática.

Rematadas as prácticas, a empresa non tiña ningunha vacante e atopábame na encrucillada de retornar ou ficar en Praga e buscar algo aquí... na Galiza a crise estaba pegando forte e en Chequia as cousas non estaban indo mal, polo que era máis doado para min e para a miña compañeira, Pavla, que é checa, atopar un traballo. A verdade que non foi moi difícil comezar a traballar. Na primeira empresa pola que pasei, unha xigante estadounidense que xestiona os centros de soporte e sistemas informáticos de moitas outras empresas, botei case tres anos, aprendín nela unha manchea de cousas e coñecín a moita xente interesante. A finais do 2013 recibín unha oferta para traballar noutra empresa, nun posto similar, pero cunhas condicións laborais máis interesantes e unhas mellores perspectivas. Pasei por varios postos internos nestes últimos anos, especializándome na área de xestión de dispositivos móbiles (teléfonos intelixentes e tabletas). Para o 2018 teño un novo proxecto sobre a mesa, tamén relacionado cos móbiles, centrado na xestión e publicación de aplicacións, polo que agardo un 2018 cheo de novos desafíos.

--¿Qué tal a adaptación á República Checa?

-A verdade que para min foi bastante doado integrarme, tiven a sorte de dar con xente que sempre me acolleu cos brazos abertos. Por outro lado Praga é unha cidade moi atractiva, dinámica, chea de opcións culturais e de lecer, con moitas oportunidades laborais e cun custo de vida en relación aos salarios bastante accesíbel. As cousas que máis me custaron, e custan, son o idioma e o feito que non haxa un voo directo á casa. Algunhas das cousas que máis me sorprenderon teñen que ver coa historia deste país. Na miña opinión existen moitos paralelismos coa historia de Galicia. Na cuestión do idioma, por poñer un exemplo, antes da independencia do Imperio austrohúngaro o idioma e cultura xermana tiña moita influencia na sociedade checa, e tamén tiveron o seu proceso de revitalización e posta en valor do seu idioma e cultura. Hoxe en día ninguén se cuestiona cousas coma a educación en checo, a pesar de ser un idioma que só se fala aquí.