Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha aventura que venceu á censura

Aquilino Iglesia Alvariño publicou hai 70 anos na libraría Celta de Vilagarcía "Cómaros Verdes" logo dun periplo polas restricións do réxime da posguerra do que saíu airoso

Xesús Alonso Montero e Castro Ratón. Detrás deles, Gaspar Somoza e Xosé Manuel Dasilva. // Iñaki Abella

O primeiro libro en galego relevante da Posguerra, Cómaros Verdes (1947), abriu a porta á publicación de máis obras en galego e a que as editoriais apostasen por esta lingua. Este é un dos principais motivos que convertiron ao poemario de Aquilino Iglesia Alvariño -ao que onte Vilagarcía rendeu homenaxe polo seu 70 aniversario- na primeira publicación "importante" en galego logo da Guerra Civil do 36. Ademais da súa influencia posterior, outros factores claves para que Cómaros Verdes apareza na actualidade en todos os libros de texto como tal son o prestixio do autor e a calidade do contido.

Así o comentou onte no Salón García o catedrático da Universidade de Vigo e vilagarcián Xosé Manuel Dasilva, que se encargou de abrir as conferencias sobre Aquilino Iglesia organizadas polo Concello con motivo dos 70 anos da súa obra máis coñecida.

Según relatou o profesor, Cómaros Verdes foi toda unha aventura editorial, xa que a libraría Celta "carecía da maquinaria necesaria para publicar o libro". Pero logrouse, e fíxose vencendo á censura da época.

Aínda que nunca houbo un impedimento legal como tal para publicar en galego, para "moitas cousas" si que resultaba problemático. Foi o caso do libro de Aquilino Iglesia, proibido pola censura franquista.

No 1947 a delegación en Pontevedra do Ministerio de Educación Nacional decátase de que a obra non conta coa pertinente autorización e nembargantes xa fora editada. E para colmo naqueles anos, na "lingua vernácula".

A Policía retirou os 500 exemplares da Celta logo dun proceso "propiamente de autoedición", pois foi o propio Aquilino Iglesia o que pagou os gastos do libro.

O autor arriscábase a unha importante multa, e o prelo, a ser clausurado. Entón Iglesia Alvariño presenta a solicitude no Ministerio, a posteriori, nun sábado, e pide unha recomendación, para o que fala con Xosé Filgueira Valverde, quen lle pon en contacto con Juan Aparicio.

Esta persoa sería chave para que Cómaros Verdes saíse á luz, pois Aquilino obtivo o permiso sen demora ningunha logo de escribir a Aparicio. Os exemplares requisados pola Policía foron devoltos á Celta e nin a libraría de Severino González Lazán nin o propio Aquilino Iglesia foron sancionados.

O profesor Xosé Manuel Dasilva definiu Cómaros Verdes como un "fito editorial".

Compartir el artículo

stats