Entre os principais cometidos das administracións públicas, está o preservar o ben común e a seguridade cidadán. Por ese motivo, quen ostenta cargos de responsabilidade nas administracións públicas debe ter contrastadas cualidades para levar a efecto eses fundamentais cometidos. Un gravísimo problema no noso ordenamento estatal, é precisamente que os cargos son repartidos de xeito discrecional, a modo de premio ou recompensa por servizos prestados no partido, ou ben porque as patadas nas canillas e empurróns foron dados máis a tempo.

O acontecido o pasado domingo na praia de Carril pon en evidencia esta absoluta carencia de profesionalidade das administracións públicas e a súa subordinación aos intereses políticos, unha lacra que como moitas outras arrastramos neste país e que nalgún momento debemos de correxir.

Que un patrón maior ou un presidente de comisión de festas teña un ataque de megalomanía e lle veña a ocurrencia de construír unha base lunar no campo de festas da súa aldea, non ten maior importancia. O que sí a ten é que para acadar tal despropósito consiga a colaboración de todo un señor diputado nacional do Partido Popular, que lle axude a conseguir os permisos necesarios en Madrid, ou en Pontevedra, ou en Santiago, da igual, poñendo así en evidencia a absoluta falla de seriedade dun representante público de tan alto nivel, que ademáis presume de carreira política eficiente.

Non é menos importante o bochorno político dos tamén representante públicos de Esquerda Unida e Somos Vilagarcía que presentaron unha moción de urxencia ao pleno para apuntarse a esa carreira populista na percura da base lunar, e que poñen en evidencia as súas pobres prioridades nunha vila tan necesitada de políticas de esquerda para darlle respostas reais e non trapalleiras aos veciños e veciñas de Vilagarcía.

Esperemos que o bochorno nacional que este acontecemento lle procura á nosa querida Vilagarcía, sirva de lección e non se volva a repetir. E que entre todos consigamos correxir dunha vez as derivas populistas e nos poñamos a facer política en serio.

* Miguel Alves Lago, concejal no adscrito en la corporación municipal de Vilagarcía.