Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As 115 casas da Illa

O historiador vilanovés está a investigar sobre o rico patrimonio mariñeiro

Mapa da Illa elaborado por Manuel Otermín en 1811. // Chema Leal

No marco das investigacións sobre a pesca e os seus transformados na ría de Arousa, que estou levando a cabo, van aparecendo diferentes documentos, escritos, gráficos, bibliográficos, etcétera, que tenden a enriquecer o abondoso patrimonio cultural existente sobre a nosa bisbarra e Galicia.

Neste senso, amén do cadro sobre Vilanova de Arousa de 1792 que se atopou, aparece un manuscrito datado en 1800 por Miguel Hermosilla, "Caballero de la Orden de Santiago" no que se describen todas as prazas e postos fortificados de Galicia, dende a ría do Eo no norte ata a desembocadura do río Miño na Guarda e un plano da Illa de Arousa, de data 1811, feito por Manuel Otermín, do Corpo de Enxeñeiros do Estado.

Nel dase profusa información sobre poboamento, toponimia, e cultivos da Illa.

O primeiro dos documentos foi atopado na Biblioteca do Ministerio de Defensa, e puidose obter copia en pdf na sección da Biblioteca Virtual del Ministerio de Defensa á que nos dirixiron os seus técnicos.

Trátase dunha relación con descripción de lugares e prazas fortificadas de toda Galicia mandado levantar por Carlos IV con obxecto de levar a cabo unha defensa efectiva das nosas costas diante dun posible ataque inimigo.

Lembremos que por estas datas son numerosas as guerras que mantemos con Francia ou Inglaterra na desputa da hexemonía militar europea.

Os ataques dos corsarios dos mesmos países son tamén numerosos e xon levados a cabo con moito éxito xa que a Armada borbónica ocúpase máis de protexer os navíos que comercian coas colonias americanas que das nosas costas. Lémbrese a batalla de Rande ou os ataques e asedios que sofre Vigo por parte da Royal Navy inglesa. Amén da descripción das nosas costas e fortificacións tamén pon de relevancia con minucioso detalle os accidentes xeográficos que se poden encontrar no interior da Ría de Arousa, dimensións, ventos, cabos, enseadas, fondos, poboacións ou pedras que estorban á navegación.

Incorpora en documento gráfico anexo os planos daquelas fortificacións máis importantes de toda Galicia e de Arousa, en concreto. En definitiva é un valiosísimo documento xeográfico e toponímico no que podemos encontrar as orixes dos moitos nomes de lugares, poboacións, accidentes xeográficos da nosa costa.

Está feita a relación por don Miguel de Hermosilla, Caballero de la orden de Santiago, enxeñeiro en xefe dos Reales Exércitos do Reyno de Galicia.

O segundo documento trátase dun plano da Illa de Arousa de 1811, levantado por Manuel Otermín, enxeñeiro do Estado, e depositada copia no arquivo deste corpo de funcionarios no 1822 por Luis Ibáñez de la Rentería. Está feito a cor, nunha escala de media legua das que cada unha ten 5.000 varas casteláns.

Describe unha Illa de 115 casas, con sementados de trigo, cebada, millo, viñedos e piñeiros de pouca altura. Sitúa un muíño e fontes de moi boa auga no sur da illa e fai referencia a que nos seus areais poden varar embarcacións de alto porte.

Feito con virtuosismo descriptivo, representa un documento de primeira magnitude para o coñecemento xeográfico e toponímico da Illa de Arousa porque tamén localiza todos os accidentes xeográficos que hoxe coñecemos.

Pregúntome se a historia económica dende a transicións do Antigo Réxime á etapa liberal e actual non ten cabida nos cursos de verán das Universidades? A historia do mar (a pesca, a salga, a conserva, o seu patrimonio industrial, urbano, etc., asociados) e da terra (os muíños, diferentes cultivos, ferramentas e maquinaria, a paixase rural e a súa contorna) conforman Vilanova e o Salnés pero son esquencidos dos ámbitos académicos e permanecen ocultos no polvo dos arquivos do país sen que lles pase un pano que no los amose limpos.

Compartir el artículo

stats