Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

"A Nécora" aumenta a súa lenda nunha Volta á Arousa na que envorcaron 4 dornas

Braulio García e Manuel Dios bateron o récord de velocidade da proba, ao completar o percorrido en 2 horas e 27 minutos -Das 35 participantes, só chegaron á meta 19

Dúas das dornas participantes na Volta á Arousa, coa ponte da Illa ao fondo. // Noé Parga

"A Nécora" agrandou onte a súa lenda ao gañar unha vez más a Volta á Arousa, a regata de dornas a vela máis veterana de Galicia (leva 33 edicións) e a máis prestixiosa. A embarcación é unha das que máis veces venceu nesta competición, pero onte ademais bateu o récord de velocidade. A competición estivo marcada polo vento, que axudou a baixar os tempos, pero que tamén dificultou nalgúns intres a navegación, ata o extremo de que envorcaron catro dornas.

A parella formada por Braulio García e Manuel Dios, que patroneaba a "Nécora", completou o percorrido arredor da Illa en 2 horas e 27 minutos, catro minutos menos que o anterior récord, que tamén posuían eles.

En segunda posición quedou "A Pereca", que foi a embarcación gañadora na edición do ano pasado. Como a "Nécora", pertence a asociación Dorna, da Illa, que dominou con contundencia a regata, posto que as súas embarcacións conseguiron tamén o terceiro e o cuarto posto.

A Volta á Arousa saíu ás 16.00 horas da zona do Bao. Participaban 35 dornas, procedentes de portos como os de Ribeira, Portonovo, Vigo, O Grove ou Cambados. Delas, só 19 conseguiron rematar a regata. As demais retiráronse por diversas circunstancias, como avarías ou pola forza do vento.

Catro das participantes envorcaron á altura do faro do Galiñeiro, unha zona onde a navegación se fixo complexa onte pola tarde debido ás mareas vivas e ao feito de que as correntes ían en dirección contraria ao vento, de ahí que o mar acadase máis altura e fose máis difícil gobernar a dorna.

Os tripulantes fueron rescatados sen sufrir danos persoais, posto que a organización do evento contaba cun dispositivo de seguridade formado por sete planadoras e un barco de batea para facer fronte a este tipo de continxencias.

Despois de emborcar as dúas primeiras embarcacións, a organización pediulle ao resto dos participantes que marchaban por detrás que pregasen as velas para minimizar os riscos, a pesar do cal tiveron que ser socorridas outras dúas.

No verán concéntranse a maioría das regatas de dornas a vela, e a maioría delas celébranse na ría de Arousa, que é onde se atopa o maior número de asociacións de recuperación da tradición marítima. De feito, a federación galega ten a súa sede en Cambados.

Compartir el artículo

stats