En pleno franquismo, non era doado introducir a lingua galega en ámbitos nos que tradicionalmente, e máis dende o final da Guerra Civil, estaba vetado. Un deles eran as igrexas. Pero uns poucos curas tiveron a ousadía de facelo. Un deles foi o párroco de Ribadumia e administrador parroquial de Leiro, Dositeo Valiñas Fernández.

Dositeo Valiñas (Cerdedo, 1921) chegou a Ribadumia en 1944, e comezou a exercer como párroco tres anos despois. Ben é certo que durante os anos máis crus da ditadura non empregou o galego nas misas. Empezou a facelo sobre 1965, cando empezou a producirse un certo desxeo no rexime, do que abrollaron, entre outras experiencias, a editorial Galaxia, que aglutinaría aos grandes autores galegos de mediados do século XX.

Pero aínda entón, con desxeo e todo, era moi raro escoitar o galego nas igrexas. E Dositeo Valiñas non o dubidou. "O galego estaba mal visto, case prohibido nalgúns ámbitos", lembra o sacerdote, que vai camiño dos 97 anos, o que o converte probablemente no cura en activo de maior idade de Galicia. Sinala que aos veciños non lles estrañou escoitar ese idioma durante a misa, "porque sempre falei o galego con eles".

O Concello de Ribadumia decidiu institucionalizar este ano unha celebración polas Letras Galegas, e acordou crear unha homenaxe a unha persoa ou entidades que se distinguisen polos seus esforzos a prol do galego. En anos sucesivos, os homenaxeados elixiranse no seo dunha comisión, que empregará uns criterios aprobados en pleno, pero este ano, como non daba tempo a organizar a comisión, optouse por unha persoa de consenso. E nestes intres hai pouca xente en Ribadumia, ou quizais ninguén, que xenere tanto consenso como Valiñas, nomeado Fillo Adoptivo de Ribadumia en 2011.

Dositeo Valiñas recibiu o recoñecemento no transcurso dunha gala celebrada ao serán de onte no auditorio, no que interviron o historiador local, e amigo de Valiñas, Hernando Martínez Chantada, o alcalde de Ribadumia, David Castro, un gaiteiro e o actor Cándido Pazó.

Pero houbo, na biografía do relixioso, máis fitos na promoción da lingua galega. A finais dos anos 60, un grupo de sacerdotes do Movimiento Rural Cristiano organizaron diversos encontros de mozos católicos. Un deles tivo lugar un 18 de xullo en Ribadumia. Acudiron uns 2.000 mozos de numerosas parroquias da diócese compostelana, e tanto os cantos como os actos foron en galego.

Aquela xuntanza creou un fondo malestar nas autoridades políticas do momento. De feito, Valiñas tivo un novo enfrontamento co gobernador na provincia, que ata ordenou reter ao cantautor leonés Suso Vaamonde, que ía actuar no encontro e que viaxou en tren dende Santiago a Pontevedra. De alí iría por estrada ata Ribadumia, pero a policía non o deixou continuar a viaxe ata rematado o encontro.

Na actualidade, o galego sigue sendo en boa medida a lingua que se fala nas igrexas de Ribadumia e de Leiro. Valiñas explica que hai días en que o oficio é íntegro en galego, aínda que polo xeral en galego faise a primeira parte, correspondente á prédica e a lectura dos textos, da que se encargan os seglares, e a segunda, a Eucaristía, é en castelán. No caso dos bautizos e os casamentos, faise segundo o desexo das familias. Medio século despois daquelas primeiras misas en galego de Dositeo Valiñas, na Igrexa católica aínda é moi maioritario o castelán. "Somos xente maior, todos. E no Seminario aínda se ensina pouco en galego".