A Praza Pascual Veiga será o centro das actividades culturais da xornada de mañán en Sanxenxo. A Concellería de Cultura ten deseñado para esta xornada adicada a Carlos Casares, homenaxeado nesta edición do Días as Letras Galegas, un amplo programa no que conta tamén coa complicidade de varias asociacións locais.

Así, Andarela poñerá en marcha "Espertar en galego", unha iniciativa que permitirá que todo o municipio amenza con frases e palabras propias da lingua galega e pouco utilizadas habitualmente. Trátase de dar a coñecer a riqueza semántica da lingua galega e compartir xiros lingüísticos propios do noso idioa.

Ás 12 horas, e baixo o título xenérico de "Casares e Cantares", dará comezo unha lectura pública de textos do escritor a quen este ano se dedican as Letras Galegas. Será o alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, quen abra este turno de lectura no que participarán varios membros do goberno local e no que están convidados a participar todos os integrantes da Corporación e veciños en xeral.

A concelleira de Cultura, Sandra Fernández, será a encargada de presentar estes actos matinais, e trala lectura pública dará paso á actuación do grupo Onte e Hoxe, con música e letras en galego. A actividade continuará coa entrega de premios do certame literario Picariños organizado polo Círculo Cultural de Sanxenxo.

A Banda de Música de Sanxenxo porá o broche de ouro á programación matinal.