Rescatado da súa destrucción hai sete anos pola asociación cultural e deportiva Dorna da Illa, o galeón "O Rei do Mar" converteuse nun dos grandes símbolos da recuperación das embarcacións tradicionais en Galicia. Desde esa recuperación, as táboas da súa cuberta poderían contar milleiros de historias, ás que o vindeiro Día das Letras Galegas, sumarán unha máis, a de converterse nun escenario para a celebración dun concerto.

Sobre as 12.30 horas do vindeiro mércores, subiranse á cuberta o dúo formado por Clara Pino e Pablo Vidal para dar a coñecer o seu último traballo "Nowhere". A actuación será un pequeno aperitivo do que poderá verse, tan só, dous días despois no auditorio municipal da Illa, onde actuarán en compaña da artista Sabela Dacal. Ese concerto será a partires das 21.00 horas, e o custe será de cinco euros a entrada e de 15 se a adquisición da mesma vai acompañada do disco.

A actuación a bordo do Rei do Mar será a primeira destas características na Illa de Arousa, pero non a súa estrea como escenario. Ademais de converterse en escenario improvisado de multitude de pezas nas que a pandeireta o u a gaita eran as grandes protagonistas, o galeón acolleu un espectáculo semellante durante a celebración dos Encontros de Embarcacións Tradicionais que tiveron lugar na Pobra do Caramiñal.

Ademais deste espectáculo sobre a cuberta do Rei do Mar, o peirao do Xufre encherase o vindeiro 17 de Maio dun ambiente festivo no só para festexar o Día das Letras Galegas, senón tamén para o regreso das actividades das embarcacións tradicionais ás augas da ría de Arousa. Ao igual que todos os anos está previsto que teña lugar un "Bautismo de Mar", un acto que consiste na botadura dunha dorna que, por primeira vez, bicará as augas da ría no peirao do Xufre, mentres un bo número de compañeiras de futuros viaxes a estarán agardando no mar. Dorna tamén participa na homenaxe a Rosalía de Castro "Que inchadiña branca vela", unha iniciativa que foi recollida en imaxes e cuxa exposición se amosa nestas datas no auditorio municipal da Illa.