Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Por abril, (sen) chuvias mil

Os datos das estacións meteorolóxicas de Ribadumia e Mosteiro confirman as inusuais condicións meteorolóxicas do pasado mes

Hernando Martínez supervisa o seu equipo meteorolóxico. // Iñaki Abella

Na estación de Ribadumia rexistráronse só dous días de precipitacións atmosféricas; o día primeiro e o día penúltimo do mes, con 5,8 e 13,2 litros de chuvia por metro cadrado. Foron 27 días seguidos sen chuvias nese tradicional mes chuvioso. E por enriba, a evaporación ambiental relativa acadou a cifra de 88,9 mm. Isto fixo que o saldo de humidade tivese un déficit duns 70 litros.

Na estación de Mosteiro-Meis, que atende Emilio Lede, mestre xubilado, déronse unhas circunstancias atmosféricas semellantes. As precipitacións foron de 21 litros nese penúltimo día do mes. O resto dos días as nubes non deixaron caer unha pinga de chuvia. O diferencial de humidade entre precipitacións e evaporación foi duns 60 litros.

Moita calor

Outros datos de interese que veñen ao caso fan referencia ás temperaturas. En Ribadumia houbo sete días en que as temperaturas máximas pasaron dos 25 graos, chegando en tres deles aos 30 graos.

As temperaturas mínimas oscilaron entre os 5 e os 15 graos, estando por enriba dos 10 catorce días do mes. En Mosteiro-Meis houbo dez días con temperaturas máximas por enriba dos 25 graos, chegando a 30 dous deles. As mínimas oscilaron entre os 5 e os 12 graos, pasando dos 10 graos catro días.

As condicións atmosféricas do pasado mes de abril foron diferentes a como deberían ser, rompendo a tendencia propia desa época anual. Foi un mes cálido e extremadamente seco. Nun tempo no que a vexetación volve revivir despois da parada invernal e precisa dunhas circunstancias idóneas, a carencia prolongada de requisitos como a humidade mingua as súas posibilidades vitais e incide na súa posterior frutificación. De aí que esas circunstancias atmosféricas teñen unha influencia importante no conxunto das plantas do noso territorio. E poden ter, de seguro, unha notable repercusión no sector agropecuario.

Bo para o turismo

Ben certo é que "cada quen fala da feira segundo lle foi nela". Moitos estiveron contentos coas condicións meteorolóxicas do mes de abril, pois favoreceron o movemento turístico e as celebracións festivas e relixiosas da Semana Santa. Por ese lado moi ben, non hai máis que pedir. Pero pola contra, temos que ter en conta que se acentuaron as condicións de secura dos montes para os incendios forestais, baixou a capacidade dos mananciais e de subministro de auga para as poboacións (xa o veremos no verán) e diminuíron as producións hortícolas e froiteiras.

Realmente, quen gobernase o tempo teríao moi complicado para contentar a todos. E deixamos para logo, como din os italianos, falar do "porco goberno".

* Hernando Martínez Chantada é colaborador da Agencia Estatal de Meteorología (Aemet) na comarca do Salnés.

Compartir el artículo

stats