Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Aspiracións das Comunidades históricas

Francisco López Franco coida que as aspiracións das Comunidades históricas son moi distintas ás dos demais "entes abstractos", como os denominou Alonso Montero

Castelao e outros galeguistas nunha xuntanza en Vigo no ano 1930. // Xurxo Martínez González

Levamos un tempo escoitando, día si e día tamén, aos portavoces de distintas formacións políticas de corte estatal que para darlle solución ás demandas catalanas é necesario camiñar de cara á consecución dun Estado Federal. E a verdade sexa dita, de tanto escoitar esa cantarea unha e outra vez, ata eu mesmo comezo a crer que estas persoas están plenamente convencidas do que din. Pero téñolles que confesar que polo que a min respecta, teño serias dúbidas de que coa conversión do actual Estado das Autonomías en comunidades ou territorios federais, poidamos arranxar non só as demandas dunha parte dos cidadáns de Catalunya, senón tamén as lexítimas aspiracións dos pobos irmás de Euskadi e Galicia, que ao igual que Catalunya, vimos loitando dende fai moitísimo tempo pola configuración dun Estado que recoñeza a pluralidade do conxunto de pobos que o conforman.

Vou intentar trasladarlles en que baso ou cales son os motivos nos que sustento as miñas dúbidas ao respecto de que un Estado Federal sexa a solución para curar as doenzas que vimos padecendo e sufrindo dende hai moitos anos na Pensinsula Ibérica. Vexamos: Para un maior entendemento debo comenzar amosándolles cal foi o posicionamento do Partido Galeguista ao respecto.

O PG estivo sempre a favor da creación e posta en valor dun Estado Federal. O propio Castelao no seu libro "Sempre en Galiza" (1937-1943) déixao moi clariño..... O federalismo que nós defendemos non se afinca neste tan sobado principio da división do traballo, é dicir, na descentralización administrativa para descabezar o Estado. O noso federalismo tampouco pretende dividir o territorio español en doce, catorce ou dezaséis rexións autonómicas (Castelao estivo a punto de dar no centro da diana, ao final "os homes do unto"- como diría o meu benquerido mestre e amigo Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega- decidiron crear dezasete entes abstractos chamados autonomías) porque a estas alturas, continúa dicindo Castelao, faise necesario superar a federación rexionalista de Pi i Margall (foi o presidente do Goberno do Poder Executivo da Primeira República Española, dende febreiro de 1873 ata xaneiro de 1874) e apostar por unha concepción verdadeira das nacionalidades.

As nacións non se crean somentes pola vontade dos homes, e por moito que abramos os ollos non vemos en España máis que catro nacionalidades. Nós concebimos a España como un só Estado constituido por libre consentimento de catro pobos: Castela, Catalunya, Euskadi e Galicia. E despois todas as autonomías que poidan concederse dentro de cada nación..." Queda pois recollido cal era o posicionamento do PG da Segunda República ao respecto da configuración terrirtorial de España. Hoxe por hoxe ninguén discute o feito histórico de que Galicia, foi (ano 409 d.C.) e será por sempre e para sempre, unha nacionalidade que conta cun territorio de seu, ademais dunha lingua e unha cultura propia; e ao igual que Euskadi e Catalunya, foi recoñecida como nación no IX Congreso das Minorías Nacionais Europeas (organismo adscrito á Sociedade das Nacións), proposta que foi presentada e defendida polo mestre nado en Corcubión Plácido Castro, responsable de Relacións Internacionais do Partido Galeguista.

Cambios históricos

Pero tampouco é menos certo que dende aquelas datas ata hoxe, as "cousas da vida e do mundo" teñen mudado moito, aínda que se nos referimos e ceñimos ao asunto que nos ocupa, parece que non tanto, pois seguimos co mesmo debate que comezamos na Primeira República de 1873 e continuamos na Segunda República de 1931. É evidente que a decisión que tomaron os "homes do unto" (1978/1981) procedendo á división territorial do conxunto do Estado en dezasete comunidades autónomas - café para todos- que por outra banda ninguén reclamaba, obedeceu ao intento de frear as lexítimas aspiracións e demandas de Galicia, Euzkadi e Catalunya (Galeuzca); demandas por outra banda gañadas non só nas furnas, senon tamén coa sangue dos nosos mártires....Camilo Díaz Baliño, Xoán Carballeira, Ánxel Casal, Alexandre Bóveda.....,tantos e tantos homes e mulleres desta Terra que deron as súas vidas polo recoñecemnto de Galicia como Nación diferenciada dentro do conxunto dos demais pobos da Peninsula Ibérica. ¡A nosa lembranza, agradecemento e gratitude eterna para todos eles!

*Francisco López Franco é secretario xeral do Partido Galeguista e membro das Fundacións Castelao, Alexandre Bóveda e Sotelo Blanco.

Compartir el artículo

stats