Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Marcos Pereiro: "Na Illa non tes presión porque todo son agarimos da xente"

O humorista estrea mañá no auditorio municipal o seu espectáculo "Como ser un armario empotrado"

Marcos Pereiro (esquerda), xunto a Touriñán, durante a grabación de "Buscando Ardebullo" na Illa. // N. P.

Naceu no ano 1981 na cidade alemá de Hallstadt, pero con só oito anos chegou a Galicia para vivir moi preto da cidade da Coruña, en Culleredo. Hai máis dunha década pisou os escenarios e enganchouse a eles ata convertirse nun dos humoristas de referencia na actualidade en Galicia. Mañá regresará a A Illa para estrear sobre un escenario o seu último traballo "Como ser un armario empotrado". As entradas xa se poden adquirir no Bar Museo e na administracións de lotarías por seis euros, ou na billatería por oito.

-¿Que ten A Illa para que moitos artistas a elixan para estrear as súas obras?

-Pois moitas cousas. Ademais de ser un sitio precioso e fantástico, na Illa ofrécenche moitas facilidades para poder traballar e iso sempre é algo que se agradece. Coñecín A Illa grazas ao "Tolleito de Inishman" e xurdiu a idea de poder ensaiar y facer unha estrea aí, porque é un sitio cómodo no que un se sinte moi a gusto, non tes presión porque todo son agarimos e saes relaxado ao escenario.

-¿Esas facilidades non se topan noutros sitios?

-Non é doado atopar noutros sitios un espazo como o auditorio para ensaiar. Lembro que cando foi do "Tolleito" dispuxemos de 15 días para poder ensaiar no que non se nos puxeron trabas e iso é algo que agradecemos moito os artistas. Na Illa tamén fixen, xunto a Touriñan, un dos programas de Buscando Ardebullo, creo que foi o primeiro que se botou na TVG, e a verdade, é que foi todo un descubrimento. A aquel programa témoslle moito cariño, porque a xente da Illa amosounos que é fantástica, deixándonos un moi bo sabor de boca

-O nome do seu espectáculo é "Como ser armario empotrado", unha especie de oda á paixón polos ximnasios

-O título non ten nada que ver coa carpintería, aínda que poida parecelo. É un espectáculo no que trato de contarlle á xente as miñas experiencias no ximnasio para conseguir este corpo espectacular que eu teño. Tratarei de compartir esas experiencias con todo o mundo.

-Pero todos, algunha vez, fixemos unha incursión nos ximnasios ou no deporte.

-Non sei se todos, pero eu, ata hai un par de anos, non sabía o que era iso e quero compartir a miña experiencia para que a xente non se leve ningunha sorpresa. Se hai alguén que non foi, que se anime que seguro que o ha pasar ben.

-A súa carreira artística está marcada polas Cantareiras de Ardebullo xunto a Xosé Antonio Touriñán.

-O vindeiro sábado estaremos no Rosal e este ano vai ser moi especial para nós, porque cumprimos quince anos. Comezamos xa a ensaiar algo para festexar este quince aniversario, que coincidirá coa celebración do Día das Letras Galegas. Son uns personaxes ao que lles temos moito cariño, pero agora, con outros proxectos en mente, xa nolo tomamos algo máis relaxados, pero queremos facer varios eventos para celebrar esta data.

Compartir el artículo

stats