Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O BNG reivindica o papel da lingua e da muller que divulgaba Rosalía de Castro

A formación nacionalista celebra en Carril a súa tradicional homenaxe á escritora - Ríos lembra que "a obra e pensamento" da autora padronesa "teñen hoxe plena vixencia"

A concelleira nacionalista, Lucía César Veloso, no acto. // Iñaki Abella

O Bloque Nacionalista Galego celebrou onte en Carril a súa tradicional homenaxe a Rosalía de Castro polo -180- aniversario do seu nacemento. Coma sempre, foi un acto modesto pero moi emotivo no que se reivindicou a defensa a ultranza da lingua galega, un idioma "hoxe ameazado con ataques constantes por parte de certas políticas", ademais do "alarmante descenso do seu uso", advertiu o portavoz do grupo municipal do BNG de Vilagarcía, Xabier Ríos, xunto ao busto de Rosalía, ubicado ao pé da igrexa carrilexa.

A formación nacionalista quixo con este pequeno acto "contribuir a difundir unha obra e pensamento de plena vixencia na actualidade", tanto no que se refire ao papel da lingua galega como tamén da muller que divulgaba a escritora padronesa, unha muller "radical, culta, feminista e comprometida co noso país", recalcou Ríos na súa intervención.

O edil destacou da autora que foi a artífice da primeira obra "escrita integramente en galego". Non foi outra que "Cantares Gallegos", coa que comezou o Rexurdimento da lingua e literatura galega tralos Séculos Escuros. "Rosalía iniciou un proceso de recuperación do galego para devolverlle a dignidade que lle correspondía. Ese discurso de defensa da terra e do noso idioma é o que temos que transmitir xeración tras xeración, e utilizalo en todos os ámbitos", proclamou Xabier Ríos.

O grupo "Treboada" de Guillán encargouse de dar o pistoletazo de saída á homenaxe cunha actuación musical. Logo das verbas do portavoz do BNG, tres nenas recitaron uns poemas de Rosalía. Foron Mar, Laura e Aloia. Dúas delas ao principio non tiñan moitas ganas de falar en público, pero finalmente animáronse e recibiron unha forte ovación por parte dos asistentes.

Manuel Dopico Orjales, membro do grupo "A Roda", tamén interviu no acto cunha actuación, ao igual que a concelleira na corporación de Vilagarcía, Lucía César Veloso, unha amante da música e folclore tradicionais.

Para pechar o acto, Roberto Mariño César interpretou o himno galego.

O día chuvioso de onte desluciu en certa medida o recoñecemento deste ano a Rosalía de Castro, aínda que o acto (no que tamén se fixo a tradicional ofrenda floral) puido celebrarse como estaba previsto ao aire libre.

Compartir el artículo

stats