A concelleira de Cultura de O Grove, Emma Torres, da conta de que os membros do xurado do Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta decidiron esta mema mañá que o gañador da XXIII edición sexa o escritor Lionel Rexes Martínez, de Alfoz (Lugo), quen presentou a concurso unha novela titulada "A raiña das velutinas", que con lema "Lapiña vadía" conta unha historia ambientada en Mondoñedo "que foi valorada polo xurado por unha brillante labor de documentación e grande amenidade das historias que entrecruza na trama principal".

Explica Torres que Lionel Rexes Martínez (París, 1971) é diplomado en maxisterio pola Universidade Autónoma de Madrid. Autor do estudio paremiolóxico "Ditos e refrás do Valadouro", publicado polo Seminario de Estudios do Valadouro en 2013. Tamén é impulsor da bitácora literaria "Vasoiras da Xibarda" e membro da organización dos encontros de escritores Ponte Literaria en 2015 e 2016. Ademais do anterior conta con numerosos premios como o "Lonxa Literaria" en 2011, o de Minicontos de Outono de 2011, ou o segundo premio do Certame Literario de Ames, entre outros.

O xurado desta edición estivo composto por Manuel Quintáns Suárez, Armando Requeixo Cuba, Ánxela Rodríguez Rodríguez, Mario Regueira Fernández e Antonio Piñeiro Fernández. No comité organizador estiveron José Antonio Cacabelos Rico, alcalde do Concello do Grove, Emma Torres Romay,como concelleira de Turismo e Cultura, e Marina Olga Aguín Núñez, directora da Casa da Cultura que leva o nome de Manuel Lueiro.

En declaracións a FARO DE VIGO, fai pouco máis dun ano, o gañador explicaba: "Gústame escribir dende que son neno e sempre que podo participo nestes certames. O certo é que xa levo 13 anos participando no da Lonxa Literaria, incluso no 2011 fun gañador e puiden coñecer á xente da asociación. Este ano sorprendéronme ó concederme un accésit". E engadía que para el "a literatura ten que ver coa miña vida; é un pasatempo porque é entretido, pero non separo unha cousa da outra, adícolle moito tempo á literatura".

Cómpre sinalar que o premio está dotado con 3.000 euros e que o autor vai ver publicada a súa obra.