Aínda que A Illa é a flota máis importante de embarcacións tradicionais que existe en Galicia, o peirao do Xufre non será o primeiro en dispor dunha Mariña Tradicional, xa que existen pantaláns adecuados aos barcos tradicionais nos peiraos de Combarro, no Concello de Poio, e de Bouzas, en Vigo. Curiosamente, esas dúas Mariñas non se atopan na ría de Arousa, onde se atopa a maior concentración de barcos tradicionais do litoral galego.

É certo que O Grove xa comezou a tramitar a súa propia Mariña Tradicional e xa presentou un importante proxecto para conseguir ter un espazo axeitado para elas, mentres no outro lado da Ría de Arousa, Ribeira tamén está a traballar nese camiño.

No caso da Illa, esta necesidade faise aínda máis importante, xa que conta cun 30% do total das embarcacións tradicionais que se recuperaron ou se construíron en Galicia, todo iso grazas ao traballo que leva desenvolvendo Dorna desde hai case dúas décadas. Destacan nese patrimonio embarcacións como "O Rei do Mar", un antigo galeón recuperado para formar patróns; ou a "Peza de Rabo", unha das poucas dornas de tope que se conserva. A eles hai que engadir o medio cento de dornas que se manteñen na Escola de Navegación e que forman un patrimonio de custe incalculable.