Moita imaxinación e pouco orzamento son as principais características dos catro integrantes do grupo Poetarras. Daniel Vilaverde, Rubén Lino, Manuel Gago e Pablo Lamosa van pisando os principais escenarios bailando, cantando e divertindo á xente coas súas letras e "sketches" cheos de retranca galega. Hoxe son os escollidos para abrir o Festival das Linguas, As Revenidas de Vilaxoán con cincuenta minutos de música en galego. O grupo saltou á fama o ano pasado por unha das súas cancións, "Feijoo", adicada ao Presidente da Xunta e na que utilizan os acordes dun éxito de Katy Perry para criticar as fotos publicadas do presidente nun iate xunto ao narcotraficante Marcial Dorado.

-Están a ter moito éxito. Chegaron a imaxinar que podían conseguir tanto nos seus comezos?

-Que va? Para nós isto é unha sorpresa bastante grande porque eu levo tocando desde os dezasete anos, disto que vas aos festivais que hai por Galicia como as Revenidas ou SonRías. Para min era un soño pisar esas táboas algún día.

-É un pouco irónico que Feijóo sexa quen os catapultou á fama ?

-El ten esa habilidade de que todo o que toca convírteo en ouro. A cousa non foi con esa intención pero, ao final, por unhas cousas e por outras? Nós simplemente temos as nosas ideas, saiu esa canción e aínda me lembro de que o día que a publicamos tiña vinculada a conta do Twitter co móbil e en dúas horas, acabóuseme a batería. Foi un boom.

- Vostedes non inventaron nada porque utilizaron a retranca galega facendo "sketches" e cancións pero teño entendido que animan moito o cotarro non?

-Neste sentido sempre admiro moitísimo a Dani, o cantante porque non se puxera nunca antes diante do público, algo que os outros tres si, e aínda así ten un talento innato para o humor e para facer espectáculo. Sempre crea o show. O obxectivo é pasar un bo momento, que a xente ría e tamén convidamos un pouquiño á reflexión coas letras.

-Supoño que por facer ese tipo de letras caiulles máis dunha crítica?

-Pff moitas?Quen se ofenda sempre vai haber pero nós temos ben claro o que facemos. Se alguén non está de acordo estamos no noso dereito de expresar o que pensamos. Entendémolo, pero seguimos cara adiante porque xa digo que cremos no que facemos e tampouco molestamos a ninguén, e hai xente, por outra banda, que tamén quere escoitar o que dicimos, o tipo de humor que facemos e solo por iso temos que ter o noso oco.

-Cómo xurdiu a idea de crear Poetarras?

-Os catro compoñentes estudamos Comunicación Audiovisual en Pontevedra e, ao rematar, tres de nós fixemos un máster, pero a carreira, agora mesmo, non ten demasiada saída e para darnos a coñecer propúxenlle a Dani coller unha cámara e un micro e facer algo. Daquela comezamos o traballo con sketches pola cousa de que somos guionistas e nos gusta moito o humor pero caimos en que Dani era un tipo con moita creatividade á hora de compoñer as letras, Manu tocaba o teclado e eu a guitarra e así de broma sacamos "Te quiero más, te quiero menos". Vimos que tiñan máis seguidores as cancións que os sketches. Ata chegaron a chamarnos para tocar!. É algo que sempre me sorprende. Nós nunca pegamos un telefonazo a ninguén, sempre nos buscaron.

-Cal é o obxectivo do grupo?

-A ninguén lle amarga un doce se lle din que pode vivir da música. Evidentemente é unha cousa moi complicada polo que o tomamos máis como ir alí e pasalo ben, nós e a xente. Se podemos axudar convidar á reflexión e poñer un grao de area para fomentar o galego estamos máis que satisfeitos.

-E que teñen preparado para as Revenidas?

-Sempre nos toca abrir os festivais porque alá onde imos poñennos distintos San Bieitos de estilos musicais. A realidade é que nunca pegamos con ningún. Mañá tócanos abrir e propoñemos un concerto divertido, duns cincuenta minutos, ás oito da tarde, no que temos temas para bailar, para rir? Toco o caixón, a guitarra, teclado, acordeón, baixo. Así que animamos a todo o que queira vir.

- Van cantar ou tamén algo de humor?

-A ver? Todas as letras son dende a perspectiva do humor. Aínda que haxa temas máis serios que outros hai que rirse de todo porque senon é moi difícil entrar á xente.

-Grupos de Galicia, España e incluso outros internacionais? Boa mestura ou non?

-En xeral, hai grupos bastante potentes como La Raíz, Familia Caamano? A boa sinal é que o cartel está cheo de grupos galegos. Eu nunca vin tantos como agora, e iso non quere dicir que a situación sexa magnífica, pero sí que polo menos está cambiando a cousa. Os festivais apostan pola música en galego e vese que funciona, incluso fora da comunidade, os grupos galegos viaxan a festivais nacionais e internacionais, así que o galego chega a todas partes.