Feridas despois da batalla

O temporal de vento da pasada semana danou sete dornas e estivo a piques de provocar a desfeita no galeón "Rei do Mar"

16.08.2016 | 02:15
Membros da Escola de Navegación Tradicional loitan co vento para salvar o "Rei do Mar". // Noé Parga

A Escola de Navegación Tradicional da Illa estivo moi preto a semana pasada de ver como gran parte do seu patrimonio desaparecía por causa do vento. O forte temporal que se desatou o mércores, que en terra axudou a avivar os incendios, obrigou a unha parte dos integrantes da Escola a xogarse, literalmente, a vida para salvar ao buque insignia da entidade, o "Rei do Mar", que a piques estivo de desfacerse contra a area da praia do Bao. Conseguiron salvalo con moito esforzo, pero nesa loita desigual contra a meteoroloxía quedou polo camiño o motor da embarcación.

"Caldeirada" é o nome que acostuman a usar na Illa cando se rexistra un temporal de vento. Iso foi o que pasou a semana pasada e que a piques estivo de acabar con gran parte do patrimonio marítimo que posúe a Escola de Navegación Tradicional da Illa, algo que non ocorreu porque un nutrido grupo dos seus integrantes, sen pensar nas súa propia seguridade, se tirou ao mar para evitar que o galeón "Rei do Mar" acabase escachado contra a praia do Bao. Unha semana despois daquilo, toca facer o reconto de baixas, algo no que está traballando Salvador Allo, o presidente da asociación Dorna, á que pertence a Escola. Esa lista de baixas está formada por sete dornas que quedaron seriamente danadas, aínda que Allo considera que "son recuperables e pronto nos poremos a iso".

Pero o que máis preocupa é a situación na que ficou o "Rei do Mar", aínda que non sofreu danos grazas ao esforzo da xente, que "se tirou ao mar sen darse conta moito do perigo", fuxir da zona obrigou a exprimir o motor co que conta o galeón emblema da escola que quedou seriamente danado e prácticamente inservible, polo que haberá que buscarlle un sustituto.

Ese sustituto ten un custe de entre 20 e 30.000 euros, unha cifra que a Escola ten difícil afrontar, polo que solicitarán a axuda de diferentes institucións. "Agardamos que se mollen e que colaboren na reparación deses danos, porque o "Rei do Mar" é unha peza moi importante do patrimonio marítimo da ría de Arousa, que debe estar en perfectas condicións para que sexa coñecido por aquelas xeracións que non viron como navegaban estes galeóns", explica Allo. O Concello da Illa xa amosou a súa disposición a colaborar, pero en breve a Escola vaise pór en contacto con outras institucións como a Deputación de Pontevedra ou a Xunta.

O galeón conta "con seguro a todo risco para as persoas que van a bordo pero a embarcación en sí só o ten a terceiros porque moitos dos materiais as aseguradoras non chos cubren, por iso as reparacións que temos que facer no galeón, despois desta caldeirada, van a ter que afrontarse con fondos propios, motivo polo que necesitamos colaboración das institucións". O galeón xa se atopa ao abrigo do peirao do Cabodeiro, a onde foi trasladado polos integrantes da Escola despois do importante susto que levaron na xornada do mércores pasado. "Se chega a ocorrer pola noite o galeón estaría totalmente desfeito; houbo sorte de que fose á hora que foi e que todos os que nos lanzamos a socorrer o barco non nos preocupásemos da nosa seguridade, fomos algo inconscientes, pero cando ves que todo o traballo realizado durante anos para manter viva a navegación tradicional está a piques de irse ao fondo, non pensas no que che pode pasar a ti", asegura Allo.

A Escola continúa traballando no proxecto de dotar ao peirao do Naval dunha Mariña Tradicional para que todas as embarcacións coas que conta teñan un lugar no que amarrar en condicións de seguridade ao mesmo tempo que poida exercer como un auténtico museo flotante.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Noticias relacionadas

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

 
Enlaces recomendados: Premios Cine