Camarada:non sei ben por onde andas, pero sí sei que estás de parola con Manolo Lueiro, Cabanillas e Pepe Conde Corbal, arranxando o mundo. Este café algo machista, ula a paridade de xénero? compartindo nas nubes, débeche sentar coma auga con limón neste vran quente de máis. Ás veces subo ata Siradella por ver se vos escoito falar, pero nada!

Dende que marchaches, hai agora un ano, pasaron unha chea de cousas, moi ben o ías pasar co disparate no que se converteu a política dos partidos de poder, agora seica son catro, con dos novos xermolos nacidos por xeración espontánea dos atribulados de sempre. Dos nosos, qué lle queres!, outra vez todos metidos no frasquiño das máis puras esencias!

Polo Grove e Cambados, case o de sempre, Makoki, predicando no Carreriro; Pepe Gondar, veu aos baños e vese moito paseando polo Corgo, Manolo Mascato e Alfredo Paraugas procurando curaren a túa ausencia con treixadura e Jose Vaamonde exercendo de teu alumno avanzado, este mes levou a Manolo Vilariño ao Torrado. Paco de Xenxa dixo de Cunqueiro e largoulle un precioso pregón no albariño, a Moncho non hai día que non lle acordes, pola banda de Contooodoroxo,por pola da Barrosa; mentres Emilio xa se atreve a fuchicar nos teus papeis para resolver os choios que lle deixaches encargados. O cuatripartito, vai indo, a modo, pero vai, con Fátima e Víctor emparellados, e Xurxo e Tino de padirños de casamento, o outro ao seu; e Jose Cacabelos aí anda apurando a segunda oportunidade que lle tocou na padrea. Das oposicións nada se sabe e do resto dos proxectos, aqueles que teñen que ver contigo... todos parados, seica hai que recortar máis. Si, xa che fixen algúns dos recados que me mandaches, non todos aínda, pero como non me meteches moita presa, pos aí andan ás voltas.