Un día de xullo de 2016 sobre as 17.30, subo as escadas do ambulatorio de San Roque e vou o segundo andar. Sorpréndeme a escuridade. A miña primeira reacción é pensar que está baleiro, pero, cando observo ao meu redor, vexo algo máis de vinte persoas que agardan pacientemente amparadas nesa negrura. De seguido un golpe de calor xustifica o motivo polo que as luces non están prendidas. Camiño cara a consulta e, por sorte, non me toca esperar moito tempo naquel ambiente caldeado e asfixiante. Unha vez dentro, falar da calor e das luces é case obrigado. Na consulta, obviamente, si están prendidas e a sensación supera en bastantes graos ao da sala de espera. Esa tarde, segundo comenta a persoa que me atende- supón un pequeno respiro que a consulta anexa estea baleira, pois iso permítelle abrir as portas e a atmosfera non é tan opresiva. Aínda así, non é difícil facerse a idea do que supón traballar nesas condicións ou agardar coma paciente.

Éste podería ser o relato de calquera dos usuarios que acuden a consulta no seu médico de cabeceira. Tal vez eses veciños estean ao tanto dos titulares e os frecuentes cruces de xestos tanto por parte da Autoridade Portuaria como do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, quen defende a construción dun novo ambulatorio nos terreos onde se emprazaba a antiga Comandancia. Pola súa banda, Rosa Quintana inaugurou fai uns días un "Espazo emprendedor" nos baixos dese edificio, contravindo así a intención do alcalde. Sen embargo, segundo un titular posterior, Sanidade parecía confirmar o interese do Sergas por esa parcela, referendando deste modo a postura do goberno local. Pero entre "dimes e diretes" xa levamos máis dun ano de mandato e a construción dese ambulatorio, que o PSOE levaba no seu programa, parece estar aínda moi lonxe. De seguro que entre a poboación teremos opinións para todos os gustos no que se refire a súa localización, pero cando lemos estes titulares non semella que a discusión vaia diso. As veces da a sensación de que en política pérdese máis tempo en pulsos que en resolver os problemas que atinxen á cidadanía. Pero probablemente sexa iso, só unha sensación. Ou é que aínda temos bastante fresco o "culebrón" do ano pasado co tema dos salarios,...non sabemos. A cuestión é que un verán despois, baixo as temperaturas máis altas dos últimos anos ninguén sabe que se vai facer.

*Segredario de Podemos