O ciclista de Bamio Gustavo César Veloso e o escultor cambadés Manolo Paz amosaron aos alumnos do colexio Viñagrande de San Miguel de Deiro, en Vilanova de Arousa, que se pode desenvolver unha carreira de éxito en galego, sen avergoñarse da lingua que aprenderon dos seus pais, máis ben todo o contrario, sentíndose orgulloso de usala.

Os dous participaron nunha mesa redonda organizada polo Servizo de Normalización Lingüística do centro e pola Biblioteca co gallo das actividades do Día das Letras Galegas, á que non puido acudir o cociñeiro Javier Olleros por unha indisposición.

Os dous recoñeceron que a súa lingua vehicular, aquela que utilizan para comunicarse de maneira habitual é o galego, o que non lles impediu ser dúas persoas recoñecidas dentro de seu ámbito. O ciclista puxo como exemplo a situación que vive desde hai algúns anos, militando nunha escadra portuguesa, onde o galego lle facilitou moito a adaptación cos seus compañeiros pola proximidade das dúas linguas.

Tamén Manolo Paz explicou que cando traballa e cando pensa emprega "a lingua que me ensinaron os meus pais", e ambos animaron aos pequenos a pór en valor a lingua e concienciáronos da importancia que é mantela.

Os pequenos tamén amosaron interese pola actividade que ambos desenvolven, mentres Veloso lles ensinaba unha das bicicletas que emprega nas carreiras nas que compite. As actividades de onte non remataron aí, xa que despois da intervención do ciclista e do escultor, chégoulle a vez ao músico Paulo Nogueira. Este amosoulle aos alumnos de infantil diferentes instrumentos vencellados coa tradición folclórica galega, desde pandeiretas ata zanfonas pasando por gaitas ou acordeóns. Aproveitou a visita para tocar unha peza moi especial, "Caracol", unha cantiga que deseñou o propio Manuel María, persoeiro elixido este ano para ser homenaxeado no Día das Letras Galegas.

As actividades continúan hoxe coa participación dun ilustre alumno do colexio Viñagrande, Paco Charlín, que chegará acompañado de integrantes da súa banda para darlles a coñecer o mellor do Jazz.