Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un mar de letras para a Arousa

O peirao do Xufre volveu a acoller os actos de inicio da tempada de navegación

Un mar de letras para a Arousa

Cada 17 de maio, as dornas volven a navegar na Illa de Arousa. A xornada de onte non foi unha excepción. Da man da Escola de Navegación Tradicional festexouse onte no peirao do Xufre o regreso á actividade nun acto que acostuma a servir como bautismo de mar para as novas embarcacións construidas durante o inverno. Este ano só unha dorna se sumou á flota da Escola. Foi a "Chíscala", unha dorna polbeira cuxo armador é Xusto Calvo, un veciño do Concello coruñés de Cariño que quedou engaiolado pola Illa grazas a outra das súas aficións, a ornitoloxía. Nos sucesivos viaxes que fixo á Arousa coñeceu a laboura que están a facer desde a Escola, e non tardou moito en formarse para ser un máis dos patróns.

O nome de "Chíscala" ten un motivo, é a denominación que se lle dá aos corvos mariños en Cedeira, de onde era orixinario o pai de Calvo, mesturando así lembranzas da infancia con unha das súas grandes paixóns, a ornitoloxía. "A dorna chamoume a atención por ser unha tipoloxía de embarcación que non existe por Cariño, e a iso uniuse o feito de que na Escola de Navegación Tradicional da Illa se me puxesen todas as facilidades para entrar neste mundo e aprender a patronear unha destas embarcacións".

"Chíscala" bicou o mar de Arousa sobre a unha da tarde, onde agardaban por ela os barcos de maior porte que ten a Escola: o galeón "O rei do mar", a dorna de tope "Peza de Rabo" e a xeiteira, que escoltaron á nova dorna na primeira de moitas navegacións que realizará nos vindeiros meses. A construcción da "Chíscala" tamén tivo algo especial, xa que todo o proceso de construcción foi grabado en vídeo para a elaboración dun documental que, en principio, será para consumo dos propios promotores, pero que non se descarta que se colgue, nun futuro, nalgún tipo de plataforma ou publicado nalgunha televisión.

A botadura de "Chíscala" non foi a única das actividades que puxo en escena a asociación cultural Dorna, á que pertence a Escola de Navegación Tradicional, xa que tamén participaron nas actividades o grupo de gaitas e baile que pertence a este colectivo. A eles sumouse a presencia dunha libraría que fixo descontos do 10% en cada un dos seus libros con motivo da celebración do Día das Letras Galegas.

A asociación contou coa colaboración do Concello, que deseñou un amplo abano de actividades durante a pasada semana, entre as que destacaron a celebración dunha xornada de xogos populares e un recital dos nenos do instituto.

Compartir el artículo

stats