Señora Peña, comezou vostede en xullo de 2015 unha campaña de desprestixio contra o goberno municipal, esixindo de todos os xeitos que se lle ocorreu que se lle entregasen as actas das xuntas de goberno. Na súa paranoia conspiranoica chegou a acudir á Valedora do Pobo e a acusarnos de ocultar non se sabe que estrañas decisións.

Vostede é perfectamente coñecedora do funcionamento interno do Concello, da sobrecarga de traballo que sofren as traballadoras municipais e de como se realizan esas actas que insistentemente esixe, aproveitando ocos cando o traballo diario o permite. A pesares diso, non tivo problemas en pór en dubida varias veces o traballo da secretaria municipal, responsable de redactar as actas, e do resto de compañeiras, que son as que fan coa súa profesionalidade que o Concello funcione, con políticos presentes ou, como nos mandatos anteriores, ausentes.

E se vostede, señora Peña, tivera actuado doutro xeito, quizais se podería entender esta cansiña obsesión súa. Pero non foi así. O pasado xoves asinamos en xunta de portavoces a entrega desas actas ? ¿Das actas elaboradas dende que chegamos nós ao goberno? Non, asinamos a entrega de todas actas que faltaban, que se remontan a xaneiro de 2013. Corenta e unha actas que non se redactaron no seu día por orde expresa súa, señora Peña.

Logo, no pleno municipal, demostramos que vostede ata finais de 2012 entregou as actas de ano en ano, e eu personalmente recrimineille a súa actitude, e pedinlle algo que agora reitero aquí: teña dignidade, señora Peña, teña vergoña, e así como andivo rauda para presentar escritos en canto sitio encontrou por este asunto, ande rauda agora e presente un escrito pedindo desculpas ás traballadoras municipais, en especial á secretaria do Concello, cuxo traballo puxo vostede en dubida movida pola súa avaricia política.

E unha última cousa, señora Peña, un vello refrán sostén que "cre ladrón que todos son da súa condición".Durante dous anos e medio negoume vostede as actas do seu goberno, agora terei que ler esos máis de seiscentos folios redactados por ambas caras, non vaia ser que sexa vostede a que oculta algo.

*Enrique Oubiña é concelleiro do equipo de goberno de Ribadumia.