Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xacobe Barral, o derradeiro alcalde do Grove na República

O escritor Antón Mascato repasa a biografía do mestre represaliado, a quen o Concello homenaxea nuns días coa adicatoria dunha rúa

Xacobe Barral (á esquerda, en primeiro termo) nunha homenaxe a Jacobo Otero Goday, nos anos 60. // Cedida Antón Mascato

Xacobe Barral Otero, o sobriño predilecto de Jacobo Otero Goday (1884-1964), naceu no Grove en setembro de 1906. Era fillo de Cándido Barral Otero (1847-1941), secretario do Concello, e de Teresa Otero Goday (1869-1954); descendente directa ela, por liña materna, do fomentador catalán José Goday Llauguer (1808-1865) e da súa muller Victoria Deira Prol (1826-1897), a familia pioneira na conserva envasada polo sistema Appert, de peche hermético en folla de lata, con fábricas de salga en Moreiras, Meloxo e Lordelo.

Inicia os estudos de Maxisterio na Normal de Pontevedra, en 1931. Foi un mozo alegre, cantarín e faladeiro, que fixo amizade fraterna cos que moi cedo han ser os seus irmáns no galeguismo político organizado, Paco García Moldes,"Paquito Pirillo", veciño del no Corgo, e Juan Domínguez, "O Teighiño".

Os tres estudantes de Maxisterio, e os tres militantes do Partido Galeguista, activos na fase de redacción, divulgación e campaña favorable ao Estatuto de Autonomía. Os tres, xunto a outros como Ramón Arce Millares, o mestre Emilio Álvarez Limeses ou Eugenio Lueiro Rei, irmán do escritor, moi activos na difusión e organización cultural grovense, fundadores da Agrupación Minerva, que en 1931 estrearía a obra "O Señor Feudal", sobre texto de Franco Calvete e música de José Besada.

En 1948, Manuel Lueiro Rei e Paco García Moldes volveron promover a representación desta obra, e cargan as tintas na parte de censura ao Señor Feudal. Dous meses despois desta representación, Paco García Moldes será asasinado cun disparo de pistola, presuntamente por dous uniformados, nun café, logo dun apagón de luz provocado... Aquilo foi un axuste de contas político, outro máis. Manolo Lueiro é apercibido e ameazado de ser o seguinte.

Ben dotado de recursos intelectuais, especialmente capacitado para a escritura en prensa e o argumentario político, Xacobe Barral adica tempo a combater ao principal inimigo da súa familia, Joaquín Álvarez Lores, quer no plano persoal, quer na dimensión política. Os razonados argumentos que expresa sobre a propiedade dos Montes da Toxa, en cinco longos artigos publicados en "A Nosa Terra", en 1935, non deixan lugar a dúbidas da súa postura a prol da propiedade pública. Xacobe Barral pide unha licencia cando é nomeado alcalde para poder rematar o proceso de facerse cunha praza de mestre de escola pública, de maneira que exerce realmente moi pouco tempo, ata a súa destitución o 28 de xullo. Tiña 29 anos.

A guerra

O 20 de xullo de 1936 chegan ata O Grove os primeiros rumores de que a sublevación militar en África gaña adeptos entre os militares con base en Pontevedra e na Escola Naval de Marín. Os sindicatos e partidos de clase inician as mobilizacións para acudir á capital en defensa da República. José Prol Figueiro, anarquista, e Luís Moldes Bea, comunista, dirixen as requisas de armas. O primeiro actuando cun poder do Gobernador Civil que o acredita como delegado gobernativo.

Sobre a media tarde preséntase na alcaldía Manuel Puente Iglesias, delegado do gobernador, que esixe do Alcalde Barral Otero a entrega das armas que haxa no Concello. Como non hai armas, contrariado, decide proceder á detención do alcalde e obrígao a acompañalo nun percorrido que os levaría aos domicilios de dúas persoas de significada orientación dereitista, Eloy Álvarez Benavides (da familia coa que estaba enemizado) e Alfonso Solá Dadín, de onde é retirado armamento diverso, sen que o alcalde chegue nin sequera a entrar nas vivendas.

Acuden a continuación ao cuartel da Garda Civil, moi preto da Praza de Arriba e do Concello na época, onde previa identificación como delegado gobernativo e ante a ausencia da totalidade dos números e mandos -foran desprazados aos destacamentos de Vilagarcía e Pontevedra-, Manuel Puente requisa as armas que alí están depositadas. Tampouco aquí chega a entrar Xacobe Barral, que permanece no exterior conversando cun veciño e amigo, Manuel Filgueira Filgueira.

Regresan ao Concello, onde reúnen as armas requisadas e a escopeta de caza que se lle pide a Jacobo Otero que entregue. Son informados de que en tres camións, uns cento cincuenta homes saíran cara Pontevedra, algúns deles portando armas.

Puente Iglesias, Xacobe Barral, que continúa detido polo delegado, e outros dous homes suben a un coche propiedade do médico Ángel Cadavid coa finalidade de entregar as armas que requisaran no Goberno Civil. Pero en Combarro son informados de que a cidade de Pontevedra está tomada polo Exército, e que nada van poder facer alí. Que a maioría dos que saíran en camións volveran para O Gove, ou fuxiran polos montes. Ao chegaren de volta a Vilalonga encontran un grupo de Carabineiros, fieis á República, e acordan entregarlles as armas a eles para evitar que caian nas mans dos sublevados. Xacobe Barral permanece no cargo de alcalde ata o 28 de xullo, sendo logo sustituído por un militar da Mariña, Aquilino Cabezón Freire. É detido 10 de agosto, logo de ser chamado polo sarxento ao cuartel da Garda Civil, dúas veces, para declarar polo acontecido o 20 de xullo.

Consello de Guerra

Durante o Consello de Guerra, no actual Pazo Provincial, en novembro de 1937, está recluído no campo de concentración da Illa de San Simón, onde dá clases de alfabetización de xeito clandestino a obreiros sen instrución, e colabora no botiquín xunto co seu tío médico Jacobo Otero Goday. Nese Consello de Guerra é condenado a cadea perpetua por rebelión militar, e por ter participado no "Asalto ao Cuartel da Garda Civil" para proceder a unha requisa de armas. De nada serven os atinados argumentos do seu defensor militar nin os desvelos de seu tío Paco Otero Goday, avogado e xuíz, que redacta apelacións e viaxa a Burgos para procurar obter indultos do xeneral Franco.

No longo expediente da causa só hai dúas testemuñas de cargo na súa contra, a do sarxento da Garda Civil e a moi dura de Eloy Álvarez Benavides, o pai de quen foi o seu principal inimigo, quen volvería ser alcalde do Grove entre 1940 e 1941. Nesa causa (834/36) foron condenados a morte Ángel Cadavid Caamaño, José Prol Filgueiro e Manuel Puente Iglesias (e fusilados o 2 de decembro de 1936).

As familias Otero e Cadavid, ata entón propietarias dunha parte moi importante do territorio meco víronse reducidas ao seu absoluto expolio patrimonial, sendo os seus bens postos á subasta en xulgados aos que acudían tramas dos sublevados para facérense con bens á décima parte do seu valor.

Xacobe Barral, de San Simón, na ría de Vigo, é trasladado en febreiro de 1937 ao forte militar de San Cristóbal, en Pamplona. O feito de non participar na fuga masiva do 22 de maio de 1938 derivou ao seu favor nunha importante redución de condena. A prudencia de Jacobo Otero Goday aconsellounos non participar na fuga. "Vannos cazar coma coellos no monte", afirmara.

Xacobe Barral inicia a década de 1950 en liberdade vixiada, e procura traballo no que sabe facer: o exercicio do mestrado escolar. Pero ten que facelo en escola privada, para o que instala no Corgo, nun baixo familiar unha precaria escola. Uns anos máis tarde pasa a residir a Vigo, xa casado coa súa moza de toda a vida, e dedícase a labores administrativos e comerciais, ata a súa xubilación. Participa na vida política, unha vez recuperada a democracia, aliñándose no seu Partido Galeguista. Móvese pola posición identitaria que reclama o mesmo trato para Galicia que o que o goberno da UCD quere darlle a Euskadi e Cataluña, participando en novembro de 1979 na macro manifestación do "Aldraxe".

Xa en Vigo, escoiteille falar da historia do Grove, cargando a man nos afectos recibidos e disimulando nas enemizades que tanto dano lle fixeran. Deles só decía: "Pobres, nunca foron felices, tiveron mala vida, podes crerme, non pasaron polo cárcere, non saben o que é ter tona de patacas sucias para cear en Noiteboa, pero aí os tes agochados no desafecto da xente. E nós só recibimos cariño, a xente sabe o que pasou e por qué, eso é o que importa". Foi incapaz de retirarlle o saúdo frío ao seu principal inimigo que, avellado e oculto tras uns lentes de cristal afumado, non lle podía soportar a súa mirada limpa, malia tanto sufrimento, cando se cruzaba con el os domingos de mañá, camiño da Igrexa.

*Escritor, editor e foi concelleiro do BNG do Grove

Compartir el artículo

stats