Vimos de ler no FARO que o exalcalde de Vilagarcia tacha de "iluminado" ao novo rexedor da vila ao anunciar este a construción dun Centro de Interpretación na Illa de Cortegada pertencente ao único Parque Nacional de Galicia. Nun principio non miro problema algún á idea, as Illas Cíes e as Ons, téñeno. Tanto nunha illa como na outra, non houbo que realizar obra nova algunha, nas Cíes habilitaron o antigo edificio do mosteiro e en Ons as antigas escolas. En Cortegada poden buscar o xeito de preparar algunha das casas veciñais existentes e neste rumbo, en Sálvora a antiga fábrica de salga.

Falan tamén dos cartos para a súa montaxe. En Cíes e Ons foron a cargo do Ministerio de Medio Ambiente e, supoño que tamén, da Xunta de Galicia, é dicir, o Parque Nacional fíxose cargo do seu custo, por que non en Cortegada como illa integrada dentro do Parque Nacional?

Tocan o tema de qué expoñer dentro, meu Deus!!!, Cortegada ten unha longa historia que contar nese centro, houbo achados arqueolóxicos na súas augas o que fan supoñer que tamén as súas terras puideron albergar algunha comunidade na antigüidade, houbo un bo número de incursións marítimas que deixaron pegada na Illa, está en plena Ruta Xacobea Marítima,?, e non digamos todo o que ten que ofrecernos a nivel ecolóxico e natural. Un Centro de Interpretación en Cortegada non é unha loucura é unha necesidade.

O problema ven a posteriori e un exemplo claro o temos en Ons. O centro de Ons, aínda non estando moi de acordo de como se desenrolou a súa montaxe, debido á importante cantidade de visitantes que acoden na época estival, xunto coas excursións escolares e da terceira idade da primavera e verán, está infrautilizado, podendo dar un servizo excelente ás necesidades dos visitantes, campamentos e excursións.

Rematar dicindo, que un si á preparación dunha das edificacións da Illa de Cortegada para Centro de Visitantes ou de Interpretación. Material hai dabondo para enchelo de contido, ?, pero tamén dotalo de persoal, pero non só para mantelo aberto, senón para guiar aos visitantes, ofrecer actividades e dotalo de enerxía cultural. A idea é boa, comece a poñerse en contacto con Parques Nacionais, co Ministerio de Medio Ambiente e coa Consellería correspondente.

*Presidente de PiñeirOns