Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Emilio Ínsua: "A imaxe idílica de que a nivel político nas Irmandades todo era unha balsa de aceite é irreal"

O profesor imparte unhas charlas en Vilagarcía sobre o centenario da organización, e ultima un libro sobre a súa historia

Emilio Ínsua, ao carón dun dos "balboas" do adro da igrexa de Fefiñáns (Cambados), onte. // Iñaki Abella

Este 2016 cúmprese un século da fundación das Irmandades da Fala, unha organización que a nivel cultural consolidou os logros de Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal da man de Castelao, Ramón Cabanillas ou Ramón Otero Pedrayo, e que a nivel político supuxo o nacemento do nacionalismo galego contemporáneo. Un dos maiores especialistas nas Irmandades é Emilio Ínsua, un profesor do instituto da Basella (Vilanova) que hai uns días impartiu dúas conferencias sobre a entidade no Bouza Brey de Vilagarcía, e que proximamente publicará un ensaio sobre a historia das Irmandades na editorial Baía. Ínsua é autor dos poemarios "Devalar das esperas" e "Acontece ás veces a ternura", e gañou dúas veces o premio de investigación Ánxel Fole. É un gran coñecedor da figura do seu conveciño de Viveiro Antón Villar Ponte, considerado asimesmo un dos pais dunha entidade crucial na historia moderna de Galicia.

-¿Qué vinculacións existen entre as Irmandades da Fala e a comarca do Salnés?

-No Salnés existiron núcleos das Irmandades. O máis importante estivo en Vilagarcía, e tivo dúas fases históricas distintas. Na primeira estaba vinculado a un grupo maurista, conservador, e fundou o xornal "El Heraldo de Arosa". Aí estaban os irmáns Laureano e Vicente Gómez Paracha ou Valentín Briones, entre outros. Posteriormente, cando as Irmandades adoptaron unha postura más nacionalista e esquerdista, nos anos 20, o grupo maurista apártase, e despois dun tempo de valeiro refúndase o grupo da man de Xosé Núñez Búa, que era profesor no colexio León XIII. E aí onde colaboran activamente os irmáns Bouza Brey, Luis e Fermín. Este último publicou un bo número de artigos sobre a historia de Vilagarcía en "Galicia Nueva". Por outra parte, na zona existiron figuras moi importantes ligadas ás Irmandades, como Ramón Cabanillas, que foi bautizado por elas como o Poeta da Raza, e que en "Da terra asoballada" converteu en poesía moitos dos lemas das Irmandades, ou Francisco Asorey, que era membro das Irmandades en Santiago, onde estaba vivindo.

-¿Serían precisas unhas novas Irmandades hoxe?

-Existen hoxe en día asociacións de índole semellante, como a Mesa pola Normalización Lingüística ou Prolingua... Eu máis que iso centraría a reflexión no legado que nos deixaron as Irmandades, na súa gran aportación cultural e política. A nivel cultural impulsaron unha inmensa batería de iniciativas trascendentais, como Nós, o Seminario de Estudos Galegos ou editoriais como Céltiga ou Lar, na que publicaron as súas grandes obras Castelao, Risco ou Otero Pedrayo. A nivel político, as Irmandades son a orixe do nacionalismo galego contemporáneo.

-Na actualidade o nacionalismo galego está partido en dúas grandes sensibilidades ¿Sinten nostalxia os nacionalistas do consenso existente no tempo das Irmandades?

-Non, porque a imaxe de que naquel tempo todo era unha balsa de aceite non é real. Nas Irmandades tiveron conflictos internos, e rupturas. En 1922, en Monforte, a Irmandade da Coruña, que era a máis numerosa de Galicia, desligouse do resto da organización por diferencias entre eles, e as demais constituíron a Irmandade Nazonalista Galega, que lideraba Vicente Risco. A visión idílica de que todos eran un é irreal. Iso non pasa en ningún partido político, nin sequera ocorre nunha comunidade de veciños. Daquela un debate interno que había nas Irmandades era o de se debían presentarse ás eleccións ou non.

-¿Foi aquela a idade de ouro da literatura galega ou supérana outras, como a actual?

-Non sei se foi a idade de ouro, pero dende logo foi unha delas. Entre 1924 e 1936 a literatura galega acadou unha forza e unha calidades extraordinarias. Nesa época publícanse libros como "De catro a catro", de Manuel Antonio, que é un dos cumios da literatura de vangarda non só en Galicia senón en toda Europa, ou "Arredor de si", de Otero Pedrayo, que foi saudada no seu tempo como una novela sensacional.

-Cabanillas, Castelao, Otero Pedrayo, Risco, Bouza Brey... ¿A quen destacaría vostede das Irmandades se houbese que elixir a unha persoa pola importancia do seu labor?

-Eu destacaría a Antón Villar Ponte. De feito, chego ao libro sobre as Irmandades que vou publicar agora por moitos dos traballos anteriores meus, que estaban adicados a el. Villar Ponte era republicano e de esquerdas, de aí que o franquismo o condenase ao esquecemento. Posteriormente, a súa vertente política fixo que a súa fose unha figura pouco querida polo grupo Galaxia, que primaba sobre todo os aspectos culturais. Por esas razóns, o seu legado quedou un pouco de lado, aínda que en realidade o mérito de moitas das iniciativas positivas e dos logros das Irmandades hai que atribuirllo a el.

-Está preparando un libro sobre o centenario das Irmandades.

-Si, estes días estou ultimando un libro que se titulará "A nosa terra é nosa", que será un repaso pola historia das Irmandades, desde a súa fundación, o 18 de maio de 1916, ata que se disolve en decembro de 1931 para converterse nunha delegación do novo Partido Galeguista.

Compartir el artículo

stats