A figura do Apalpador será recuperada para o programa "Nadal enGalego" que a Deputación porá en marcha estas datas en colaboración cos concellos da provincia.

O popular personaxe galego, que apalpa as barrigas dos nenos polo Nadal, chegará ao Pazo da Crega do Concello de Barro mañá mércores, ás 10.30 horas, e un pouco despois ao Parque da Memoria de Poio, ás 12 horas.

A visita de Barro integrarase no programa do Concello "Nadal no Pazo", e centrarase, segundo dixo en rolda de prensa o alcalde da localidade, Xosé Manuel Fernández Abraldes, "na nosa tradición, na nosa cultura e na nosa lingua".

Pola súa banda, o alcalde de Poio, Luciano Sobral, salientou que a presenza do Apalpador non pasará desapercibida, pois irá acompañado do burro Lor e contará cun pasarrúas a cargo de Servando Barreiro.

Ademais, a visita completarase coa sesión de contacontos "O bosque do apalpador" e terá lugar unha sesión de baile coa cantiga de Coureliña.

Tal e como indicou o deputado de Cultura, Xosé Leal, como a finalidade da recuperación do personaxe é a aposta polos valores medioambientais e de hábitos saudables, tamén se inaugurará en Poio a exposición "A xanela do Courel", con fotografías, apeiros dunha lareira e pegas en arxila de animais.

Na mesma presentación tamén se anunciou, dentro do programa "Nadal en Galego", a representación en Pontecesures da obra "Por que é salgada a auga do mar?", coa compañía especializada en público infantil Os Quinquilláns, que terá lugar na Casa da Cultura o vindeiro domingo, 27, ás 18 horas.

O Papá Noel galego

O Apalpador é un home de barba rubia que vive nas montañas do Courel e Os Ancares. No Nadal baixa a visitar aos nenos, aos que apalpa a barriga para ver se están ben alimentados. Dalles un bico na meixela e déixalles unha presa de castañas para que non pasen fame, así como outros agasallos.Tamén lles desexa un ano cheo de felicidade e comida.