Seríame difícil concretar a data na que empecei a tratar con Luís, pero van alá xa uns cantos anos.

Neste tempo tiven a sorte e o orgullo de colaborar con el en numerosas publicacións, montando contidos e exposicións, escribindo artigos entre os dous€ Estivemos tamén vinculados no movemento de recuperación e posta en valor do patrimonio e a cultura marítima que se organiza por medio dos colectivos que compoñen a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, que ten unha excelente publicación, única en Galicia, que é a Ardentía, revista galega de cultura marítima, que Luís ideou, dirixiu e coordinou desde o primeiro intre e da que me puxo á fronte hai uns meses, ainda sabendo que nin en vinte anos chegarei a súa altura.

Podería estar nomeando ao longo de abondosas liñas a nómina de traballos que Luís Rei, o noso Luís, encabezou ou promoveu, tanto no ámbito do noso Grove natal como da cultura marítima ou das letras galegas en xeral, pero non o farei. A obra sempre sobrevive ao seu autor e pode ser consultada. Pero prefiro quedarme co recordo das horas que compartimos, do moito que aprendín e aprendemos del, da súa retranca tan persoal, dos cafés que tomabamos rodeados de papeis e libros na biblioteca de Cambados ou na súa casa, do costume que sempre tivo de traer á conversa algunha anécdota simpática e que tanto me gustaban, de que foi o primeiro Trotskista que coñecín (logo atopei máis), de cando me paraba os pés e o xenio dicíndome sempre "Non te enfades..." Quedarei con que Luís Rei tivo a sorte de gañarse a vida facendo o que lle gustaba, que cando te embarcaba nalgún proxecto a principal premisa era solidariedade e que falaba desde o corazón, que sempre me chamaba "amijo", que non se podía ser máis inquedo e loitador.

Hoxe é un dia triste, difícil, para aqueles que coñeciamos a Luís; estamos de loito, a cultura do Grove e deste país perde a un dos seus máis importantes valores, a un gran coñecedor e defensor de algunhas partes que compoñen esta vida, que nos xoga estas tan malas pasadas, e agora ponnos na tesitura de ter que nos despedir. Outros moitos perdemos a un bo amigo e mellor persoa.

Botareite moito de menos Benquerido Camarada.