Catro deseños de coloridos e chamativos salvamanteis con mensaxes alusivas á fala galega, que se reparten polos establecementos de hostalaría de Vilagarcía de Arousa a partir de hoxe, sintetizan a campaña a favor da nosa lingua artellada pola coordinadora de normalización lingüística do instituto Castro Alobre.

Os traballos presentados onte no instituto son o treito final do estudo de campo que o departamento de Galego iniciou cos alumnos no curso 2012/2013. A proposta dos mestres foi facer unha enquisa nos comercios e establecementos de hostalaría sobre o uso da lingua galega. Coa participación do departamento de Matemáticas, fixose unha estatística cos datos, nas que se constatou o nulo ou cativo uso da lingua galega.

A segunda fase do plan de traballo foi que os estudantes fixeran propostas para promover o uso da lingua en calquera actividade da vida diaria. Fixéronse varios cartaces a prol da lingua e xurdiu a idea de facer con eles uns salvamanteis para repartilos nos bares e restaurantes do municipio.

Nesta misión o instituto pediu a axuda do Concello de Vilagarcía que colaborou económicamente na edición de 6.000 salvamanteis dos catro deseños que gañaron o concurso de ideas convocado polo departamento de Normalización Lingüística. Os autores das mensaxes ilustradas foron os alumnos Carmen Cuervo, co lema "Verbas galegas"; Sara Fandiño, con "viñetas cómic"; Iago González e Carlos Nartallo coa frase "Para unha cea elegante sé galego-falante, e Ruth Fernández coa súa "A mellor consumición a túa lingua".

Os salvamanteis da hostalaría, que se fan coincidir coa Semana das Letras Galegas, amosáronse onte nun acto encabezado polo director do instituto Carlos Diz, a coordinadora de Normalización Lingüistica Esther Torres, a profesora de galego, Carme Moure, a concelleira de Xuventude de Vilagarcía, Sandra García Roma, e o directivo da asociación de hostaleiros Ahituvi, Félix Acuña, xunto cos alumnos autores das mensaxes. Profesores e representantes do Concello e de Ahituvi felicitaron aos alumnos polo seu traballo e animáronos a seguir no camiño de promover a fala en lingua galega en todos os eidos da súa vida.