O primeiro de marzo de 1915, segundo informa o colofón do libro, rematouse de imprimir na cidade de La Habana o poemario de Ramón Cabanillas "Vento mareiro", o que significa que este excepcional libro celebra hoxe domingo un século de historia.

"Vento mareiro" supuxo una verdadeira revolución no pequeno universo literario galego do seu tempo pois, nun momento no que as voces da "triple coroa" do Rexurdimento, Rosalía, Curros e Pondal, xa calaran para sempre, non se vislumbraban novos valores e temíase pola continuidade da expresión literaria en galego. "Vento mareiro" foi a ollos de toda a crítica o feliz achado de que si había futuro para a poesía no noso idioma.

Poderíanse poñer múltiples exemplos do que acabamos de afirmar, pero seguramente quen mellor expresou o antedito foi Eugenio L. Aydillo, xornalista que fora director do diario El Miño, de Ourense, e a quen colleu a aparición de "Vento mareiro" vivindo e escribindo en Madrid. Dixo Aydillo desde a revista Estudios Gallegos, o 20 de agosto de 1915:

"Para deleite de nuestras vacaciones ha llegado a nuestras manos un libro excepcional; uno de esos libros con los que más de una vez habreis soñado en la triste desesperanza de que jamás ha de ser escrito: su visita inesperada os colma de júbilo puesto que os hallais ante unas páginas por vosotros amadas, antes de que el artista hubiera trazado siquiera su arquitectura ideal (?)

Quiero decirlo antes de nada: este libro significa el revivir de la lírica gallega, pero no en el sentido precario de una galvanización, de un artificioso y forzado resurgimiento colmado de flagrantes imitaciones de lo arcaico; no, es un revivir acorde con los tiempos de ahora, sin fosilizaciones ni arcaísmos, que continúa el desarrollo de nuestra lírica después del lastimoso estancamiento que cronológicamente va de Curros a Cabanillas, con el vigor juvenil de una estética moderna y universal. Y en este sentido - perdón ¡oh gentes perezosas aferradas a idolatrías inconmovibles!- Cabanillas es tan fuerte poeta como Curros, y ha de ser más fecundo y más trascendental renovador de la lírica gallega que ninguno de los poetas de la pléyade de oro."

Oitenta anos despois, o poeta Ramiro Fonte escribiu o prólogo dunha nova edición de "Vento mareiro" e no seu estudo chegou a unha conclusión similar á de Aydillo: Cabanillas era o poeta agardado, "o poeta necesario" na súa acertada expresión, o que a literatura galega arelaba e que felizmente apareceu.

Pero se "Vento mareiro" foi importante para a poesía galega polo que tivo de empalme co glorioso pasado recente e, sobre todo, polo que tiña de modernización e actualización da lírica galega; se "Vento mareiro" foi un poemario de impacto no ámbito literario e social polo seu carácter combativo, galeguista e agrarista, non é, en absoluto, menos importante para Cambados e os cambadeses pois naquelas páxinas impresas en Cuba foi onde apareceu por primeira vez a dedicatoria:

"A ti meu Cambados, probe, fidalgo e/ soñador; que ó cantareiro son dos pinales/ e ó agarimo dos teus pazos lexendarios,/ dormes deitado ó sol, á veira do mar".

Quere dicir o antedito que esta dedicatoria que case todo cambadés sabe de memoria cumpre cen anos igual que o libro no que apareceu. É dicir, Cambados ten moito que celebrar neste centenario porque se a dedicatoria non fose abondo para subliñar a pegada cambadesa deste poemario indicaremos que alí estaban tamén os versos de "Os sábados na escola" e os de "A sombra do Pinal", poemas nos que Cabanillas evocaba, respectivamente, a "escola do Convento", que fora a súa propia escola infantil e o piñeiral de Tragove, que pasou, por obra e gracia deste poema, a ser para sempre parte da paisaxe mítica da literatura galega.

Finalmente queremos remarcar que "Vento mareiro" ábrese co poema "Sono dourado", que contén o soneto "para a miña muller" no que Cabanillas pide: "Quero na lousa que me de sosego/ Esta palabra que ten aas: poeta,/ E esta palabra que ten luz: gallego".

Moitos anos despois de que estes versos fosen escritos a vontade expresada por Cabanillas viuse cumprida e as palabras do poeta foron labradas na lousa da tumba que o acolleu no cemiterio de Fefiñáns en novembro de 1959. Lástima que non figuren aínda na lousa que lle dá sosego no Panteón de Galegos Ilustres en Santiago de Compostela. Este é un bo ano para arranxar esta eiva.

*O grovense Luís Rei é técnico cultural no Concello de Cambados, e autor da biografía de Cabanillas "Crónica de desterros e saudades" (Editorial Galaxia).