A curva de Santos é o quilómetro cero de Vilanova. Porque neste punto, equidistante entre Vilamaior e O Cabo, comeza e remata todo. Non é só un bar, nin unha praza nin un punto de encontro. É unha institución que sobrevive ó vello cine Coliseo, ó Círculo Marítimo, e que supera en idade á actual casa do Concello. Como establecemento hostaleiro fundouno Benito Santos Viñas en 1948. Como fachada angular da vila, existe dende tempos inmemoriais. Benito foi un dos mellores colleiteiros de albariño no Salnés e gañou varios premios na festa, incluido o do 50 aniversario (2002), ainda que fose a título póstumo, co excelso Torres de Cálago.

Nos fogóns do Santos sentou cátedra de Gastronomía durante varias décadas a señora Evangelina, cociñeira excepcional, que bordaba os chopos na súa tinta, as zamburiñas en salsa, os chipiróns encebolados, o pulpo con patacas. Os mariñeiros da segunda metade do século XX tomaban aquí o primeiro café da mañá, cunha copa de caña, antes de facerse ó mar, outros facíano na de Canteiro, Chunguita, Abalo, Mostacho. Tralas partidas de dominó, Ventura Portas lembraba a gamela coa que levaba ó seu amigo Julio Camba ata a praia do Terron, onde o escritor tomaba o sol "en sirolas". Nas noites de tertulia Manolo Campos disertaba sobre as súas aventuras na emigración e compartía confidencias con Toño Lemiña e Nito Mengoa.

Nunha das súas visitas, o escritor catalán Miguel Utrillo contábanos –diante dun prato de chopitos- como foran os derradeiros días do gran sibarita Camba, hóspede ilustre do hotel Palace. Durante décadas, don Carlos Sanmartín (que se xubilou tras 60 anos como médico na vila) presidiu unha peña gastronómica da que formaron parte o mestre Enrique Longa, Narciso o da Motora, Serafín Santórum, o ex alcalde Cándido Touceda, entre outros.

O histórico bar Santos atraía comensais doutras vilas e cidades, próximas ou lonxanas, que se achegaban para caer na tentación do gorentoso viño e das deliciosas tapas. Entre as asiduas dos últimos tempos figura Soledad Puértolas, escritora e académica da Lengua Española.

Dende a terraza de Santos agardábase noutrora o retorno dos barcos de pesca a terra. Mentres se contemplaban as fermosas vistas, quedaba tempo para inventar alcumes como o "pirolo do Terrón", o "muelle de Bautista" ou o "Partenón", que forman parte do imaxinario popular vilanovés. Un dos que máis disfrutou desta esquina máxica foi o mecánico Ramiro Pérez López, entrañable amigo, falecido na emigración. Cando volvía a Vilanova deixábase levar pola saudade e afirmaba: "Vale máis a curva de Santos que todo Madrid".

Era un vilanovés con máis salitre que sangue nas veas e por iso as súas cinzas repousan, como el quería, no estreito canle de mar que baña o Ariño. Unha voz amiga avísame que este serán pecha o bar Santos. Xubílase Merchi e estamos convidados á derradeira chiquita. Imaxino que será a penúltima, porque os lugares con encanto como este non pechan nunca.