A ciencia pode ser divertida e pode divulgarse en lingua galega. Dúas afirmacións coas que aínda hai xente que discrepa, e que fundamentan o Día da Ciencia en Galego, celebrada onte en toda a comunidade autónoma e con actividades en prazas de Vilagarcía, Cambados e Vilanova.

O obxectivo dos promotores desta iniciativa é sacar as aulas á rúa, para que os estudiantes poidan compartir os seus coñecementos cos demais cidadáns; amosar experimentos curiosos e divertidos; e demostrar que o galego é un idioma con suficiente vocabulario científico como para poder empregarse en calquera publicación de matemáticas, física, química ou bioloxía.

O resultado deste Día da Ciencia en Galego puideron vivilo en primeira persoa preto de catrocentos estudiantes dos institutos Miguel Ángel González, Cotarelo Valledor e Castro Alobre de Vilagarcía; o Faro das Lúas e A Basella de Vilanova; e o Francisco Asorey de Cambados. Fixeron experimentos na rúa, como a medición da circunferencia terrestre a través de sombras; amosaron aeroxeneradores eólicos que funcionan con só achegarlles unha bombilla; aprenderon a idenficar cogomelos...

Tamén moitos cidadáns que pasaban pola rúa coñeceron de boca dos propios estudiantes como se poden facer complexas figuras xeométricas con paus rectos e articulacións de plástico ou como funciona un martelo electromecánico.

O coordinador dos Equipos de Normalización Lingüística do Salnés, Xabier Camba explica que "o obxectivo é facerlle ver á xente que o idioma galego é tan válido como outro calquera para a ciencia". A media mañá amósabase moi satisfeito co transcurso da xornada "porque espertamos o interese da xente, e os alumnos están moi implicados". Unha moza do Miguel Ángel González de Carril, Tatiana Caneda, manifestaba durante a xornada que "valoramos moi ben este tipo de actividades porque é un traballo entretido que che axuda a comprender mellor as matemáticas". Outro estudiante de Vilagarcía alegaba que "as asignaturas científicas poden impartirse perfectamente en galego, tanto como Historia, Filosofía ou Literatura".

Precisamente en Vilagarcía a actividade celebrouse na praza de Galicia. Había unha carpa na que se proxectaban vídeos sobre ciencias, algúns deles elaborados polos propios estudiantes; mesas nas que estaban dispostos os experimentos; e unha exposición de fotografía matemática. Nela, os alumnos parten de imaxes extraídas da vida real –como o parque infantil de Miguel Hernández ou os patos do río do Con– para reflexionar sobre conceptos como os números periódicos, a campá de Gauss ou a simetría.

Noutras mesas había crebacabezas e outros xogos de enxeño ou curiosidades como unha bolboreta mecánica. Outra localidade na que se festexou o Día da Ciencia en Galego foi a de Cambados. Alí, os estudiantes xuntáronse na Praza do Concello, e montaron unha maqueta a escala do Sistema Solar. Tamén mediron o radio terrestre a partir da sombra dunha vara, e aprenderon a calcular a altura de obxectos altos, como edificios ou árbores.

Finalmente, en Vilanova os mozos concentrarónse no Xardín Umbrío e realizaron un paseo matemático pola vila. Expuxeron maquetas de células animais, identificaron cogomelos, xogaron a recoñecer as especies vexetais presentes no parque e analizaron conceptos como curva, simetría ou ángulo.