Numerosas asociacións aproveitaron a xornada de onte para celebrar o Día das Letras Galegas. Na maioría dos casos os eventos consistiron en festivais de canto e baile tradicionais, e tiveron lugar en distintos puntos de Vilagarcía e Cambados.

Neste último concello, a agrupación Con de Xido de Castrelo celebrou no pazo de Torrado a 18 edición do seu festival de baile rexional. No programa aparecían, ademais do grupo local, os de Penaguda (Dena), Os Gatiños (Portonovo) e Lordelo (Portugal). Outra agrupación da comarca que organizou co gallo das Letras Galegas unha actuación foi Nós de Sobradelo.

O seu festival tivo lugar no auditorio de Vilagarcía, e participaron as seccións de canto, baile e música tradicional de Nós, así como dúas formacións de Rianxo, Aleivosía e Vai de Roda. Os integrantes de Nós aproveitaron a cita para presentar os traxes que lucirán durante as galas deste ano.

No Sixto, a asociación de veciños está conmemorando o 31 aniversario da fundación do seu centro cultural. Na programación de actos de onte houbo unha misa na explanada situada enfronte do centro social, unha actuación folclórica, e unha homenaxe ós veciños da parroquia maiores de 75 anos.

Tamén houbo un xantar –a base de entrantes, polbo á feira e carne ó caldeiro ou churrasco– e un concerto a cargo da Banda de Música de Vilagarcía. Finalmente, en Guillán tivo lugar a última hora da tarde unha actuación do grupo Fontefría.

Na Illa, diversas entidades relacionadas coa navegación tradicional amosaron algúns dos mellores barcos existentes na ría e disfrutaron duunha cáseque inmellorable xornada para a navegación.

Para hoxe agárdanse actos como a representación da obra teatral "O gordo e o calvo ván ó médico", e de seguido un concerto de música a cargo da Banda de Meis. Todo elo vai dar comenzo ás 19 horas no auditorio da Casa da Cultura do Mosteiro.

No Concello de Cambados celébrase o Concerto das Letras Galegas desde as 12.30 horas, no Paseo da Calzada. Van actuar a Banda de Música de Castrelo e o gaiteiro Xaquín Xesteira. Ás sete da tarde o auditorio acolle un espectáculo de títeres para o público infantil.

En Vilagarcía actúan a Banda de Música e o gaiteiro Xaquín Xesteira, ás 20.30 horas no Auditorio Municipal.