O Partido Popular celebrou onte unha xuntanza con militantes e simpatizantes para explicar a súa valoración sobre o primeiro ano de Alberto Núñez Feijóo á fronte do goberno da Xunta. Con Pedro Puy como a cabeza do cartel e acompañado polas deputadas Marta Rodríguez Álvarez e Rosa Oubiña, os conservadores fixeron un percorrido por todas as actuacións que acometeu o goberno de Feijóo, comparándoas coa actuación que fixo o bipartito.

Só para esta comarca, os conservadores destacan a mudanza de actitude que experimentou a Xunta de Galicia desde que se superou a etapa do bipartido. Un exemplo, amosa Marta Rodríguez son os millóns de euros que comprometeu nos orzamentos para 2010, onde se inclúen obras como “a autovía Pontevedra a Vilagarcía, dotada con 27 millóns de euros, ou a ampliación do Hospital do Salnés, para o que está previsto investir un millón de euros na mellora do servizo de emerxencias”.

Marta Rodríguez tamén incide en que a Consellería de Presidencia ten previsto acometer dous novos predios xudiciais, un en Cambados e outro en Vilagarcía, “agardando a que o grupo de goberno deste último Concello poña a disposición os terreos necesarios”.

Ainda que destacan o gran incremento experimentado na aportación de fondos para a comarca, desde o PP tamén fan fincapé na austeridade que adoptou o goberno de Feijóo, “moi lonxe da actitude do bipartido”, unha austeridade que se reflectíu na “rebaixa dos soldos dos altos cargos e noutras políticas de aforro”. Tamén lembraron que Galicia sofre a mala xestión do Goberno central á hora de repartir os fondos autonómicos.

Centro saúde

Se durante o encontro do PP se destacou o proxecto de construcción dun novo centro de saúde, desde as ringleiras do PSOE considérase que os conservadores tratan de calar o debate sobre o novo predio.

Desde esta formación considérase que o PP está a gardar un “silencio impropio”, asegurando que os representantes da formación conservadora en Vilagarcía “permanecen agochados e dando a calada por resposta, o que pode significar que prefiren que non se fale deste tema”.

Desde o PSOE piden ao portavoz local do PP, Tomás Fole, que deixe clara a súa postura sobre se existe vontade real de construir un centro de saúde de calidade en Vilagarcía, aínda que a súa débil posición política dentro do partido quizáis llo impida”.