Co gallo do Día Internacional do Libro, que se celebra o vindeiro venres, a Concellería de Cultura de Vilanova de Arousa ten programado unha serie de actividades para desfrute dos nenos. A maxia dos contos vai invadir o Xardín Umbrío, entre as 17 e as 19,30 horas, e na praza vanse habilitar distintos espacios para que nos nenos poidan dar renda solta á imaxinación da man das personaxes dos contos.

As actividades son o inicio do mes da lectura que todos os anos programa a Concellería de Cultura entre o Día Internacional do Libro e o Día das Letras Galegas. Con este tipo de accións trátase de fomentar a participación perante os libros, así como comprender o significado dos valores sociais e humanos a través dos contos e da lectura. >Ademais, téntase promover actitudes de escoita, atención e diálogo participativo ao mesmo tempo que se disfrutan as actividades de ocio e tempo libre.

Unha das actividades máis importantes que está previsto celebrar este ano é o mercadiño de troco de libros, onde cada neno que desexe participar debe traer un libro da súa casa e nas casetas de troco poderá intercambialo por outro. Trátase dunha actividade que ten como obxectivo incentivar o achegamento aos libros e que os nenos tamén participen do intercambio de impresións sobre os seus contos favoritos. Este é o segundo ano que fai esta actividade debido ao éxito que acadou o pasado ano na que os nenos o acabárono pasando en grande.

Outra das iniciativas que se pon en marcha coincidindo é a escenificación da “Cabeza del dragón”, contada en clave de Valle-Inclown.

O mundo dos contacontos estará encarnado polos actores da Escola de Teatro ValleInnova da Fundación Valle-Inclán que van a traer ata o rincón dos libros do Xardín Umbrío un espectáculo no que se mistura teatro e animación infantil.

Os actores reinterpretan a obra infantil “La cabeza del dragón” do escritor vilanovés, contada a modo de clown co fin de que os nenos aprendan a querer os libros e as mil historias que poden agochar e conter.

Obradoiros

Non van a faltar este ano os obradoiros de marionetas e cores. Tamén no Xardín Umbrío se van a celebrar obradoiros de marionetas coas que os nenos van dar vida ás personaxes de Pinocho, Alicia no País das Marabillas, Mago de Oz ou Charlie e a fábrica de Chocolate. Na mesa de traballos manuais, os nenos tamén van poder facer marcapáxinas, colorear as personaxes de contos populares e plasmar a súa sinatura nun libro xigante.

Por último, as adiviñanzas, as sopas de letras e a caixa dos contos van a contribuir á celebración dunha tarde máxica de fomento da lectura na que non vai faltar a tradicional caixa dos contos, da que os pequenos lectores van extraer obxectos para reinventar as historias dos libros.

O lugar escollido para a celebración do Día Internacional do Libro non foi unha casualidade. O Xardín Umbrío é o lugar co que Vilanova homenaxeou a un dos espacios literarios máis importantes do escritor máis importante que dou este Concello, Ramón María del Valle-Inclán.