A.S. - SANXENXO
Enrique Martínez foi un dos clientes do bar Coli, en Portonovo, ó que sorprendeu a explosión que se rexistrou no soto do establecemento o pasado sábado e que causou 6 feridos, dous deles graves, e grandes destrozos materiais tanto no propio local como no edificio contiguo. Enrique foi dos que máis sorte tivo e tan só sufriu feridas leves, sen embargo, recoñece que sicolóxicamente tardará máis en recuperarse.Este veciño da vila mariñeira subliñaba onte, no salón da súa casa que se atopa a tan só a uns metros do bar, que as consecuencias puideron ter sido moito peores e pensa xa en celebrar a recuperación cunha botella de champán en canto todos os feridos reciban a alta.
–Onde se atopaba vostede cando ocorreu a explosión?
–Chegamos ó bar pola mañá para xogar a partida cun compañeiro. Estabamos sentados e fun ó baño do local que está no soto. No outro baño estaba Suso, que foi o que resultou máis ferido. Encendín a luz e nada máis me dou tempo a chegar arriba, sentarme de novo á mesa e xa vin como viña todo para abaixo. A deflagración foi terrible, debeu de ser que o gas estaba acumulado na parte superior do soto e coa calor da bombilla foi cando se produciu o estourido. Tiroume e clavoume na man un pedazo de madeira moi grande.
–Como reaccionou entón?
–O meu instinto foi arrancar a madeira e como consecuencia desgarrei un pouco máis a man. Tivéronme que poñer 23 puntos. Vinlle un ollo ensanguentado a un parente, que estaba sentado en frente miña, Pensei que o perdera. Tamén tiña o oído moi danado. Naquel momento entrei en estado de shock e non teño moi claro que pasou a partir dese momento. O que recordo é que eu dicía que estaba ben.
–Con quen se atopaba vostede?
–Estaba xogando á escoba con outro compañeiro e co irmán do dono do bar que estaba mirando a partida. Este foi o que tiña o ollo mal. Caimos todos ó chan, o móvil quedoume totalmente destrozado, o reloxo tamén e levoume un dente que non sei nin como o perdín. O que estaba xogando conmigo a partida caiulle todo o falso teito enriba, pero eu non me acordaba nada máis ca de Antonio que estaba sentado diante miña e tiña o ollo mal. Produciume un gran shock. O meu parente, José Martínez, que aparentemente non tiña nada ten fractura de cráneo e o oso do oído roto.
–Que ocorreu con Jesús Montes, que se atopaba no baño?
–Saíu polo boquete que abriu a onda expansiva na parede do baño. Apareceu nunha finca que hai cara atrás do bar, onde hai unha casa derruida.
–Como foron os intres posteriores a explosión?
–Veu xente a intentar sacarnos dalí. Escoitei a unha prima miña chamar por min, eu miraba para ela pero non vía a ninguén. Logo sacáronme para fóra e sentáronmme. De repente empecei a sentir náuseas e un sono moi forte debido a exposición ó gas. Nin sequera sabía onde estaba. A deflagración do gas queimoume unha parte do pelo, a cella e mesmo o xersei que levaba posto quedou todo arrugado.
–Percibiron algún olor a gas nese intre?
–Ningún. O propietario baixou a limpar a baixo e non notou nada, logo baixou Suso e tampouco e eu tampouco percibín ningún cheiro raro que nos fixera desconfiar algo semellante. Pero en canto estoupou xa todos pensamos en que era unha deflagración de gas. O dono preguntou de xeito inocente que pasara e eu xa lle dixen que tivo que ser unha explosión de gas. Os seis feridos estabamos dentro do bar e casualmente o dono estaba detrás da barra e non lle pasou nada.