|
|
|
HEMEROTECA » |
|
A.M. / CAMBADOS Os aproximadamente 4.500 fogares de Cambados recibirán estos días un libro moi especial: os "Roteiros pola poesía de Ramón Cabanillas". Trátase dun agasallo gratuito do Concello de Cambados co que se pretende poñer o broche de ouro a todo un ano de celebracións e actividades de homenaxe ó poeta de Fefiñáns, falecido hai agora cincuenta anos.
Trátase dunha obra de 80 páxinas na que se reproducen unha trintena de poemas de Cabanillas. A selección fixérona dous expertos, o técnico de Cultura e biógrafo de Cabanillas Luis Rei, e o académico da lingua Francisco Fernádez Rei. Ambos os dous presentaron onte o libro coa presencia do alcalde e concelleiro de Cultura, Luis Aragunde Aragunde.
"Roteiros pola poesía de Ramón Cabanillas" divídese en tres partes. Na primeira, "O Cambados pobre, fidalgo e soñador" están os poemas que Cabanillas lle adicou ás paisaxes, os monumentos e as rúas da súa vila natal. Aí están, por exemplo, "A Calzada de Cambados", "As tardes na Pastora" ou "Torre de San Saturniño". A segunda parte do libro titúlase "O rumoroso val do Salnés", e inclúe poemas nos que Cabanillas aporta unha visión xeral da comarca arousana. Desa sección son, por exemplo, "No castelo de Lobeira", "O bendito San Amaro" ou "Vendima en Salnés".
Finalmente, o libro péchase con "Roseiras, fouces e marusías". Os coordinadores da edición, Luis Rei e Francisco Fernández Rei explican que a poesía de Cabanillas abrangue moi distintos estilos, temas e rexistros, dende o amor ó combate, pasando polo existencialismo e o costumismo.
O obxectivo dos editores era escoller algo máis dunha ducia de poemas que representasen todas esas facetas creativas, e que amosasen en toda a súa amplitude a diversidade da poesía de Cabanillas.
O resultado é unha escolma na que aparecen títulos como "Camiño longo", "Galicia", "¡En pé!" ou "Sono dourado". O libro complétase con dous breves traballos en prosa, que son unhas notas autobiográficas escritas por Cabanillas en 1948, ou unha lírica descripción do Salnés aparecida en 1951.
Esta escolma poética vaise enviar non só a todas as casas de Cambados, senón tamén a todos os centros galegos do mundo –ou cando menos ós máis representativos, como por exemplo os da Arxentina, Brasil, Estados Unidos ou Alemaña– e editáronse 5.000 exemplares. Por este motivo, trátase dunha das edicións de poesía máis importantes da historia no que se refire ó número de exemplares saídos de imprenta.
|
|
| CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO | PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR |
|
|
||||||||