A.M. - CAMBADOS
O Ano Cabanillas vén de deixar como legado unha nova xoia editorial. O biógrafo do poeta cambadés, Luis Rei, e o artista Anxo Pastor colaboran nunha escolma poética publicada por Factoría K de Libros –que pertence ó selo editorial Kalandraka– e que se presentou onte en Cambados.
Trátase dun fermoso volume de medio cento de páxinas, encadernado en tapa dura e con papel groso de gran calidade, no que se recollen trece poemas de Cabanillas e algo máis dunha ducia de ilustracións de Anxo Pastor, nas que o pintor amosa a súa particular visión deses mesmos poemas.
Na escolma figuran algúns dos títulos máis coñecidos de Cabanillas, como "Camiño longo", "Galicia", ou "En pé". A maioría dos poemas seleccionados forman parte de "Vento mareiro", pero tamén hai versos extraídos de "No desterro", da "Rosa de cen follas" ou da "Terra asoballada". Luis Rei –que inclúe na obra un brillante resume biográfico do autor homenaxeado– procurou coa súa selección aportar unha visión ampla da heteroxénea creación poética do bardo de Fefiñáns.
Anxo Pastor, pola súa banda, enriquece o libro coas súas ilustracións cargadas de simbolismo e próximas á estética surrealista. Nalgunhas ocasións, os seres humanos vense convertidos en sombras de cor negra –como nos debuxos de "A Calzada de Cambados" ou "A Rosalía de Castro"– mentres outras páxinas se inzan de cores vivas e deslumbrantes, como en "Galicia" ou "Sorprendeunos a noite".
O libro xa se pode mercar nas librerías ó prezo de 15 euros e garda máis dunha sorpresa para o lector, como ocorre cos tres poemas que se extenden por páxinas despregables, un recurso habitual en revistas –sobre todo para gráficos e publicidade–, pero non tanto en formato libro.
Esta obra conta coa colaboración económica da Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales, que depende do Ministerio de Cultura.