|
|
|
HEMEROTECA » |
|
FÁTIMA FRIEIRO - VILAGARCÍA Membros da Asociación de Receptores e Donantes de Órganos de Vigo (Adrovi) achegáronse onte ata Vilagarcía para formar parte dunha campaña de concienciación cidadá coa que se pretende incrementar a listaxe do número de doantes existente en Galicia e, en concreto, na provincia de Pontevedra. Entre os voluntarios que estiveron onte na capital arousana atopábase o seu presidente, Celso García, que está especialmente sensibilizado co asunto.
– Cada día hai máis información sobre a doación de órganos. Aínda así, parece que existe bastante reticencia á hora de que a xente dea o paso para facerse doante...
–Si. É certo que nos últimos anos se avanzou moito porque a cidadanía foise concienciando pouco a pouco e dende os centros hospitalarios e en asociacións como a nosa pois ofrécese información detallada, e iso nótase nas cifras. De todos xeitos, no caso de Galicia e sobre todo se pensamos nas zonas do rural hai aínda xente reacia a participar neste tipo de actos altruistas. Moito é por crenzas, porque aquí aínda existe certo culto ao corpo despois da morte, e outras moitas por descoñecemento.
– Pero estase avanzando nese senso, daí a existencia deste tipo de campañas...
–Si, por suposto, sobre todo entre a xente nova. A xuventude está moi concienciada e sobre todo as mulleres. De 100 persoas que se fan doantes, só 20 son do sexo masculino. Son cifras chocantes, pero reais.
– Tendo en conta os obstáculos cos que se atopan, no referente á provincia de Pontevedra... qué implicación existe en canto a doacións na comarca do Salnés?
– Teño que dicir que é unha zona na que a xente participa moi activamente e, de feito, os datos están aí para ratificalo. Hai dous meses visitamos Vilagarcía e conseguimos apuntar 65 doantes máis. Cando vimos aquí sabemos que vai haber éxito seguro. Pero algo semellante pasa tamén coa doación de sangue, donde existe unha porcentaxe moi alta da xente voluntaria.
– Fálase moito dos doantes, pero moito menos se sabe acerca da postura do receptor... cómo é a vida dunha persoa trasplantada?
–Eu son receptor de fígado dende hai doce anos. Coma min, a meirande parte dos membros que estamos en Adrovi. Dende a miña experiencia podo dicir que a vida che cambia por completo. A posibilidade de rexeitamento do órgano por parte do corpo obrígate a estar tomando medicación o resto da túa vida. É como volver a nacer, como ter de novo unha oportunidade.
– Fálase de todos xeitos de que aínda que un se faga doante, a familia é sempre a que ten a última palabra...
–Si, en todos os casos, aínda que o normal é que se respeten as peticións de cada individuo.
– É posible coñecer a identidade da persoa que doa?
–Non e non é que exista curiosidade entre os receptores para sabelo. Existen moitas anécdotas sobre isto. Eu sempre digo que antes de recibir o fígado era malísimo na informática e agora case case son un hacker polo que intúo que debeu ser unha persoa nova.
– Doar é, polo tanto, dar vida...
–Sempre se necesitan doantes. En Galicia existen altas demandas para fígado, corazón e páncreas. Toda axuda é pouca.
|
|
| CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO | PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR |
|
|
||||||||