F.F. - VILAGARCÍA
A concellería de Cultura de Vilagarcía acaba de pór en marcha unha campaña para que todo aquel que o desexe poida estar informado as 24 horas sobre a programación cultural prevista para a capital arousana. A iniciativa parte do departamento dirixido por Xosé Castro Ratón e está dirixida non só ao público vilagarcián, senón a todos aqueles que teñan á capital arousana como referente nas actuacións de corte cultural.
Dende hoxe mesmo os interesados teñen á súa disposición no Auditorio arousán un folleto informativo no que poden inscribirse para entrar a formar parte da rede e da base de datos do departamento municipal. Deste xeito, e tan só facilitando o correo electrónico e o número do teléfono móbil recibirán de forma puntual as notificacións nas que se subliña a hora, o lugar, os prezos e unha breve descripción do espectáculo a promocionar.
A campaña de comunicación a través do correo electrónico xa está funcionando, mentres que a do teléfono móbil empezará a utilizarse a partir de principios do 2010.
Esta nova iniciativa pretende abrir unha canle de comunicación directa entre os principais destinatarios da información cultural e os organizadores coa finalidad de que estes posúan todas as ferramentas posibles para poder asistir aos espectáculos programados tanto en solitario por Ravella como en colaboración con outras entidades. A recepción dos sms será totalmente gratuita para o suscriptor que só verá incrementadas as súas prestacións no eido da cultura afincada e organizada dende Vilagarcía. A iniciativa está aberta non só aos vilagarciáns, senón a todas as persoas interesadas que só teñen que encher o formulario para sumerxirse na cultura de máis calidade.