No colexio da Pastora comezou onte a campaña de dinamización lingüística "Palabra no ar" que ten coma fin primeiro achegarlles aos nenos a lectura en galego como pracer e goce.

A presente continúa o fío iniciado por "Kalandraka editora" o pasado ano en "Cantar e contar. ler na nosa lingua", que tentou recobrar o folclore infantil, os contos populares e as músicas tradicionais galegas.

Nesta que se iniciou onte séguese a cantar e contar en galego, ofrecéndolle aos rapaces os arrolos, ritmos, rimas, xogos, adiviñas, refráns, contos, coplas, en definitiva, animándoos dende a oralidade e a memoria a un achegamento positivo á lingua e cultura galegas, proxectando o idioma desde esta rica tradición cara o futuro.

Esta nova campaña, que polo tanto mantén as sesións de contos con música e os obradoiros de escrita creativa, incorpora ademáis novos elementos que axudarán ao proceso de valorización do galego.

Outros obxectivos da campaña son os de valorar a riqueza da tradición oral e o poder da palabra como pozo evocador, recupera-la memoria colectiva, estimar as produccións orais, literarias, plásticas e musicais como ben cultural e como acto de comunicación.

Engaden asimesmo o feito de coñecer e valorar a radio como medio de expresión e comunicación e como recurso para a normalización da lingua.

Outro dos propósitos que ten Kalandraka con este programa é o de estimar a lingua galega como vehículo das novas tecnolocías e adquirir sensibilidade estética, tanto no plano liteario como no plástico e no musical.

Os contidos, polo tanto, son: A oralidade como pracer de falar e escoitar; a literatura cos contos tradicionais; a música e os instrumentos tradicionais para o folclore infantil galego; a arte e as súas expresións cun álbum ilustrado; a escrita creativa xogando coa lingua; a radio coma medio de comunicación e normalizador da lingua; e internet coma espazo para compartir a lingua.

Coma agasallo para os grupos de nenos participantes fixáronse dous lotes de libros diferentes en dunción das edades. En total na campaña entregaranse 17 lotes para infantil e primeiro y 13 de 1º e 2º de Primaria.