FÁTIMA FRIEIRO - VILAGARCÍA
Que o galego é unha lingua moderna e apta para todos os usos é algo que non acaba de callar de cheo entre as xeracións máis novas. Por iso, e en colaboración directa coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Concello de Vilagarcía pon en marcha un novo obradoiro de hip-hop que pretende achegar a lingua de Castelao e de Rosalía ata os versos e rimas do século XXI.
Esta iniciativa aberta a cidadáns de toda a comarca do Salnés de máis de 14 anos desenvolverase en dúas xornadas. A primeira terá lugar mañá mesmo a partir das nove da noite nas dependencias da praza da Peixería. A viguesa de 20 anos Aíd será a encargada de ensinar a todos os alumnos a rimar en galego e a pórlle música ás estrofas que eles mesmos van compoñer durante as dúas horas que duren as clases prácticas. Será un aperitivo perfecto para os concertos que se desenvolverán xusto despois.
Os grupos vilagarcianos "Diego García" e "Branz de la Squad" xunto co santiagués "Izqui" serán os encargados de pór o lado máis "moderno" á noite con varios temas propios que farán vibrar aos amantes deste tipo de música importada dende os Estados Unidos.
5 de decembro
As actuacións previstas dentro deste obradoiro de hip-hop continuarán o día 5 de decembro a partir das once da noite. O escenario estará copado nesta ocasión polos vilagarcianos de "Freshtyle" e "Crewjientes", ambos membros da compañía "VG en llamas" e que presentarán as últimas novidades dos seus traballos musicais.
Dende "Crewjientes" comezarán este mesmo sábado a vender o seu novo disco en formato USB que se distribuirá entre aqueles que se acheguen ata A Peixería por 5 euros cada un.
O certo é que dende Xuventude téñeno claro. Ana Lorenzo manifesta que este obradoiro é un preparativo perfecto para a coñecida "Batalla de Galos" e, en extensión, para a Urban VGA que cada ano atrae ata a capital arousana a amantes dunha música distribuída en círculos máis especializados.
Lorenzo sentenciou que, aínda que ben é certo que ningún dos grupos previstos para os concertos de mañá e do vindeiro sábado cantan en galego, o obradoiro sí será unha boa fórmula para "habituar á xente a que teña en conta que o galego é un idioma moderno e que pode ser cantado no hip-hop tal como se usa o castelán cando a lingua orixinaria deste tipo de música é o inglés".
As entradas tanto ao obradoiro como aos dous concertos programados son totalmente gratuítas. De feito, o público que pode asistir ás clases prácticas impartidas pola moza viguesa Aíd poden proceder de distintos concellos da comarca do Salnés dado que, en principio, Vilagarcía será o único que acolla este tipo de actividades pa a promocionar un idioma que pode dar moito máis do que algúns entenden.