ANXO MARTÍNEZ - CAMBADOS
A palabra "tareco" procede do árabe e significa cousa abandonada. Aparece no diccionario da Real Academia Española como sinónimo de "trasto", aínda que se considera unha palabra en desuso. A entrada "tareco" non vén sen embargo no diccionario da Academia Galega, aínda que si que é empregada por moitos galego-falantes.
O tareco pode ser case calquera cousa, dende un xoguete ata un obxecto doméstico. E no último libro de Ramón Caride Ogando é un estraño ser que ten a capacidade de adoptar a forma de calquera outra cousa –mesmo de suplantar a un ser humano–, de comunicarse cos animais e mesmo de aparecérselle ós nenos "dado que os adultos carecían de tempo para pensar nas cousas marabillosas e, xa que logo, tampouco podían chegar a velas".
Ramón Caride (Cea, Ourense, 1957) vén de publicar na colección Ler é Vivir de Everest Galicia "O tareco de Sara", un libro dirixido a lectores de oito anos en diante que conta con ilustracións a toda cor de María Lires. A historia cóntaa en primeira persoa unha nena de sete anos, Sara e arrinca cando a nena descobre, ó volver da escola, algo estraño na súa habitación.
"Sobre a miña mesa de estudo, nun recuncho, había dous afialapis idénticos en vez dun só que había pola mañá cando eu saíra da casa".
A ese primeiro feito extraordionario síguenlle outros: volve desaparecer un dos afialápices; a nena atopa o seu cuarto completamente desordenado... Ramón Caride e María Lires van enfiando a historia ata un desenlace inesperado.
O escritor afincado en Cambados cultiva diversos xéneros literarios e nos últimos anos tamén se prodigou coa escrita para primeiros lectores. Nesta ocasión vén acompañado polas ilustracións de María Lires, que son reproduccións de figuras de plastilina de cores moi vivas. "O tareco de Sara" é unha obra sobre a descuberta do mundo por parte dos nenos e sobre a imaxinación.