Un veciño de Lores cría no seu galiñeiro unha estraña ave: unha galiña sen plumas. Así, totalmente espida, naceu fai un ano e así, pese ao estrano do seu traxe, foi aceptada polo resto das galiñas e galos do capoeiro. Nin clonación nin engano, ¿Cuestión de raza ou erro xenético?

Santiago Alfonso Sineiro, que así se chama o dono desta rara avis é un agricultor xubilado do barrio de A Laxe en Lores. Ten 72 anos e, como tantos, cría galiñas para a casa, pero non merca pitos, el prefire que unha kika que ten no galiñeiro choque os ovos.

Cada corenta días nácenlle así pitos propios. "A galiña en cuestións naceu fai un ano duns ovos que trouxemos dunha veciña de Meaño que tiña o galo no capoeiro -relata Santiago Alfonso-. A kika chocara daquela sete ovos, e de todos saíron galiñas normais, agás esta que naceu sin plumas, certo que tiña unha na cresta pero caíulle aos poucos días".

"Na casa pensamos que nacera enferma -continúa- e por iso a tivemos moito tempo solta pola eira, a ver se melloraba, pero medrou como unha galiña normal, a non ser pola pelaxe, incluso pon ovos e todo. Por iso acabamos por metela coas outras que non lle fixeron dano e a aceptaron de bo grao", conta este veciño de Lores moi ilusionado con este animal especial.

A súa kika leva chocando os ovos dous anos: "Cando a kika leva 10 ou 11 ovos postos vou, quítollos e cámbiollos por sete ovos de galiña con galo, menos cantidade que os dela porque os ovos de galiña son máis grandes que os de kika. Sempre ten que ser número impar: 5, 7 9…, non sei por qué, pero é unha tradición para que a cousa saía ben." E así cada 40 días de media nácenlle pitos novos. En total, Santiago calcula que máis de 120 pitos naceron grazas o empeño que puxo a súa kika nestos dous anos de entrega: "E todos naceron con pelaxe e absolutamente normais, todos agás este que foi unha cousa estrana."

A Santiago Alfonso Sineiro gostaríalle que os ovos que pon a galiña poideran chocarse "para ver si nacían tamén sin plumas, pero non é posible porque ao non ter plumas a galiña o galo no pode montar nela".

Certo que non é a única cousa estrana na súa eira: "O ano pasado tiven calacús tan grandes que había que ir cun tractor a buscar cada peza e ser varios para cargalo, e incluso unha planta de verdura que medía polo menos tres metros de altura e tiña que poñer unha escaleira para chegarlle ás follas."

"Tamén me apareceron sin saber como unhas plantas do que chaman patacas indias, planta que se está espallando pola eira, e cuio froito gosta xa a máis dun na casa". A agricultura -e as galiñas- é así de curiosa na casa deste veciño de Lores que todo-los días vai o curral para contemplar esta rara galiña.

E como se pode ver nas fotos é idéntica as que se mercan nas tendas unha vez que se cumpriu co proceso de desplumaxe, listas para votar na pota.

Pero o caso desta galiña teno sorprendido dende o primeiro día e, de feito, xa lle puxo incluso un nome aristocrático. Chámase "Caetana" e no pobo xa é coñecida como "A duquesa de Lores", ainda que gardando as distancias. O caso e que moitos foron os veciños da parroquia meañesa que quixeron ir ve-la galiña, dado que moi poucas son así de especiais.

Santiago Alfonso recorda que tivo outra con pouco plumaxe, que podería ser da mesma nai, ainda que en absoluto era tan espectacular coma esta.

O caso e que a galiña esperta pouca estraneza dentro do curral onde se adaptou moi pronto a pesares de que o dono tiña certas dúbidas de cómo podería ser recibida unha pita sen plumas. Sí observou que os galos xa nin miran para ela polo que resulta imposible fecunda-los ovos, por si fora posible que naceran outros pitos semellantes.

A verdade é que a natureza podería así ganarlle a batalla a moitos científicos que seguro que obterían máis dun premio se conseguiran que os pitos naceran xa sen plumaxe.

O aforro para as granxas e cooperativas avícolas podería ser moi grande se conseguen que as galiñas nazcan xa sen plumas.