As exposicións de Lino Silva sempre crean expectación. A súa pintura, inzada de sombras que semellan saír do interior dos personaxes, a miúdo inmersos en ambientes bohemios, conta con ducias de incondicionais. A cafetería Reymar –situada na rúa Valle Inclán de Cambados– acolle a última mostra do pintor cambadés.

"Paisaxes e Personaxes" pode visitarse ata o 1 de novembro e consta de 18 cadros en pintura acrílica, nos que caben tanto as paisaxes –case sempre ocupadas por una mesta vexetación, mesmo algo tenebrosa– e os retratos. Entre estos hai dende a imaxe dunha muller completamente enloitada, que posa para o artista dende unha humilde banqueta, ata un autorretrato do propio Lino Silva ou unha Virxe que sostén no colo a un Neno Xesús cunha frondosa barba.

Comezou na escultura

Lino Silva naceu en 1950 e axiña amosou a súa inclinación cara o arte. Empezou estudiando co seu tío José Vaamonde Silva, e logo tivo estadías na escola de artes e oficios Mestre Mateo de Santiago de Compostela e na de Belas Artes de San Fernando (Madrid).

Nos seus comezos cultivaba a escultura e, de feito, a súa primeira exposición foi desta modalidade. Tiña entón só 20 anos, e Cambados empezaba a coñecer os traballos doutros mozos escultores que andado o tempo conquistarían enormes éxitos artísticos, como Francisco Leiro o Manolo Paz.

Fose pola razón que fose, cos anos a carreira de Lino Silva foi escorando cara a pintura, e remataría cristalizando nun acusado estilo persoal, no que o fume dos cigarros flota no aire como unha presencia fantasmal, e as personaxes semellan ollar ó espectador dende a noite, ou dende a profundidade dunha habitación sen luz. A exposición da cafetería Reymar permite deste xeito un reencontro do público co traballo de Lino Silva. O artista cambadés xa tivo a oportunidade de expoñer nos últimos anos nalgunhas das salas máis importantes da comarca, como a Rivas Briones de Vilagarcía o a galería Borrón 4 de Cambados.