A xunta de goberno do Concello de Vilagarcía aprobou esta semana a celebración dun recoñecemento especial á figura do intelectual galeguista Plácido Castro. Este recoñecemento vai a consistir na asignación do seu nome a unha rúa ubicada en Carril.

A rúa que vai levar o nome do intelectual é paralela á avenida Rosalía de Castro e perpendicular á rúa Lucena. Precisamente nese vial atópase o restaurante Plácido, rexentado polos netos do homenaxeado.

Con este xesto, o Concello de Vilagarcía quere suliñar a relevancia cultural e social de Plácido Castro e resaltar os vínculos que o vencellan coa cidade, especialmente na última etapa da súa vida.

De feito, a vila xogou un papel moi importante nos últimos tempos deste autor, xa que tras retornar a Galicia en 1995, Castro foi profesor de inglés no Instituto Laboral ata o momento da súa xubilación e nesta cidade residen a maior parte dos seus descendentes.

Asimesmo, o Concello de Vilagarcía é un dos patróns da Fundación Plácido Castro, creada para proxectar a súa figura, xunto cos municipios de Corcubión e Cambados, a Asociación Galega de Profesionais da Traducción e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI).

Premio de traducción

A cidade é tamén mañá o lugar no que se vai reunir o xurado da VIII edición do Premio de Traducción Plácido Castro. O encontro vai dar comezo ás 11,30 horas e está previsto que dúas horas despois se dea a coñecer o fallo e, polo tanto, o nome do gañador deste prestixioso galardón. O xurado desta edición está formado por Xosé María Gómez Clemente en representación da Asociación Galega de Profesionais da Traducción; Xosé Castro Ratón, como membro da Fundación Plácido Castro; Salvador García Bodaño, pola Real Academia Galega; Ana Luna, da Universidade de Vigo; e Carlos Arias, pola Xunta de Galicia. Como secretario vai actuar o profesor da Universidade de Vigo Alberto Lugrís.

Eles son os encargados de decidir entre as seis obras que quedaron finalistas cal é a que se leva o premio, dotado con 3.000 euros, e destinado a promover entre todos os Traductores de Galicia versións en lingua galega das grandes obras da literatura universal. A pasada edición a gañadora foi Ánxela Gracián, pola traducción de "A Illa misteriosa" de Xulio Verne.