|
|
|
HEMEROTECA » |
|
ANXO MARTÍNEZ - RIBADUMIA Ramón Mouriño Alfonso internouse nos camiños da política sendo apenas un adolescente. En 1995 toma parte activa na plataforma creada contra a instalación dunha empacadora do lixo en Ribadumia, e xa é un dos directivos do Colectivo Ecoloxista do Salnés. É candidato á Alcaldía de Ribadumia polo BNG e concelleiro dende 1999, e hai dúas semanas anunciou a súa demisión do cargo de edil. Administrativo de profesión –traballa no Servicio Asistencial de Drogodependencias do Grove–, e con 35 anos, Mouriño convertérase nos últimos tempos nun dos políticos mellor valorados de todo o Bloque do Salnés.
–¿Por que deixa a política activa?
–Primeiro, quixera puntualizar que non deixo a política, senón que deixo a representación institucional do BNG en Ribadumia e a representación organizativa no Consello Comarcal do BNG. É evidente que hai dez anos a miña situación persoal e familiar era distinta á de agora. Agora necesito máis tempo para a miña familia e para a miña casa, aínda que vou seguir vinculado ó BNG de Ribadumia.
–Vostede empezou sendo un rapaz. ¿Hai agora máis apatía na sociedade para implicarse en proxectos políticos?
–Eu sigo mantendo que o paso pola política, en xeral, é algo positivo e que todo o mundo debería facer nalgún momento porque che fai ver e apreciar as cousas dun xeito distinto. Eu penso que a sociedade actual evolucionou hacia un modelo moi competitivo e individualista que che deixa moi pouco tempo para traballar polo ben común, chámase ecoloxismo, política ou voluntariado social. Aínda que parte da culpa tamén a poden ter algúns partidos, que fomentan a idea de que a política é só para unhas grandes elites. A veces, os partidos tendemos a enrocarnos en nós mesmos e só nos abrimos á cidadanía cando chegan as eleccións. E eso nótase na pouca xente nova que se ve nos partidos políticos.
–Fálenos do seu sucesor, Luciano Martínez Fontán.
–É unha persoa que leva no Bloque aínda máis tempo ca min. É unha persoa moi afable, que entra con moitas ganas. É moi coñecido en Ribadumia e sempre estivo aí axudándome nas cousas do Concello e nas campañas electorais.
–¿Cal cre que vai ser o escenario político en Ribadumia nas eleccións municipais de 2011?
–Creo que iso vai depender bastante da decisión que tomen os Independentes, e Nené Barral, de se se presentan ou non. Aínda que eu creo que ese é un globo que se está desinflando. Creo que o PP xa tocou un teito en Ribadumia, e que aquelo de nove concellais do goberno contra dous da oposición xa non se vai volver repetir porque polo camiño queimaron a moita xente. Considero que o BNG está ben organizado, que ten xente ben preparada e que pode formar unha lista atractiva. Non digo que vaiamos gañar as eleccións, pero si que estamos no camiño de subir.
–¿Hai goberno do PP para cando menos un mandato máis?
–É posible. Se o PP non conseguise o goberno da Xunta nestas últimas eleccións é probable que contestase o contrario.
–Nas eleccións de 2003 o BNG tivo nas súas mans a chave do Concello de Ribadumia. Dise que os Independentes mesmo estaban dispostos a que fose vostede o alcalde. ¿Arrepentiuse nalgún momento de non ter aceptado ese ofrecemento?
–Como non chegamos a ningún acordo non se sabe o que tería pasado. Tamén é certo que en ningún momento se nos ofreceu a Alcaldía. O BNG tiña ofertas de pacto tanto dos Independentes como do PP, pero ningunha das dúas nos parecía que puidese encaixar coa visión que nós tiñamos do Concello de Ribadumia. Para nós era fundamental aclarar as contas e cambiar o xeito de gobernar o Concello, e ningunha das dúas candidaturas nos ofrecía iso. A realidade é que ó BNG non lle parecía de fiar ningunha das dúas alternativas.
–Parece ser que vostede está moi satisfeito co traballo do BNG durante esos catro anos.
–A situación política xerada a a raíz das elecciones de 2003 non só non paralizou o Concello de Ribadumia senon que moitas cousas aprobáronse por consenso. Nesos catro anos sacáronse máis prazas de traballo por oferta pública e contratáronse máis obras por concurso que nos outros 16 que estivo gobernando o PP, xa fose na época de Nené Barral ou na de Salomé Peña. Eu creo que a representación do BNG, mantendo a súa independencia, foi positiva. Nese momento podíamos escoller entre os posibles réditos electorais e entre manternos coherentes cos nosos principios, e decidimos manternos coherentes.
–¿Cales son os grandes problemas de Ribadumia pendentes de resolver?
–Aínda que poida semellar o contrario, en Ribadumia aínda queda moito por facer. Hai servicios que existen noutos concellos e que aquí non hai, como o tanatorio municipal ou a Policía Local. En canto a infraestructuras, é preciso rematar a rede de saneamento, que nalgunha parroquia aínda está empezando, como a de Lois. E é preciso dotarnos dun plan urbanístico que permita o desenvolvemento ordenado das distintas parroquias.
–A presencia de Rafael Louzán supuxo a chegada de moitos investimentos. Esa é a cara positiva. Pero, ¿ten algún efecto negativo, pernicioso, esa mesma circunstancia?
–Para min o prexudicial é que os investimentos dos organismos públicos se prioricen en función da procedencia do presidente, porque o que nos beneficia agora pode conducirnos a que despois non recibamos investimentos durante 30 ou 40 anos. E despois, ¿de onde van sair os cartos para o mantemento de todas as infraestructuras cando Louzán non sexa o presidente da Deputación?
O BNG debe ofrecer “algo radicalmente distinto”
–O BNG leva xa cando menos cinco anos perdendo votantes. ¿A que se pode deber?
–Os apoios ó nacionalismo galego están moi vinculados a ciclos políticos a nivel estatal, como por exemplo o “efecto Zapatero”. A modo de exemplo, en épocas de ascenso do PSOE en España prodúcese unha baixada nos apoios ó nacionalismo. Pero á parte dos factores externos, tamén os hai internos que influiron moito na perda de votos, como un certo alonxamento da realidade do país. Cando o BNG subía como a espuma a xente víao como un referente, como a auténtica alternativa ó PP. Pero quizais nalgún momento deixamos de actuar como ese referente e a xente foise fixando noutras alternativas. Nos tempos de Anxo Quintana quixemos facer un esforzo para amoldarnos a todas as correntes ideolóxicas, coa idea de que dese modo poderiamos captar votos de todos os partidos. Pero o resultado foi que á fin rematamos parecéndonos demasiado ós outros partidos e a xente deixou de ver ó BNG como unha opción política que ofrecía algo radicalmente distinto.
–Dentro do BNG, vostede está no Encontro Irmandiño, que lidera Xosé Manuel Beiras. ¿Que ten este político que non teñen os demais?
–Xosé Manuel Beiras é unha persoa á que ninguén lle pode negar o seu carisma. E foi o líder do nacionalismo nun momento no que de non haber case nada conseguiuse un ascenso sen precedentes. Ese mérito non só se lle debe a el, pero a súa presencia foi fundamental.
–¿É entón alguén necesario para o rexurdimento do BNG?
–O BNG está agora nunha fase de transición, e para sair dela será necesario movilizar a todas aquelas persoas que son a historia viva do nacionalismo. O máis importante que ten unha organización política é o seu capital humano, pero moitas veces tendemos a esquecelo.
|
|
| CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO | PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR |
|
|
||||||||