A. G. - A ILLA
A Volta Á Illa foi o punto de inflexión máis importante na recuperación das embarcacións tradicionais, o momento en que, abocadas á desaparición, un grupo de persoas optou por manter unha das riquezas etnográficas e patrimoniais máis importantes coas que conta o mar galego. Ese grupo descoñecía que estaba pondo os alicerces do que sería todo un movemento para manter viva a presencia destas embarcacións tradicionais, provocando que moitas outras asociacións doutros concellos se sumasen e acabasen creando a Federación Galega pola Cultura Marítima, organizadora dos Encontros de Embarcacións Tradicionais.
Un cuarto de século despois, a Asociación Cultural e Deportiva Dorna, a Volta Á Illa converteuse na nai de todas as regatas, no que algúns consideran como a Copa América das dornas. Por este motivo, o colectivo que dirixe Uxío Allo ten previsto un importante número de actividades que permitan celebrar por todo o alto o aniversario da regata. Na presentación que se celebrou onte, elaborouse un vídeo con algúns dos mellores momentos que se viviron sobre as augas que bañan os sete kilómetros cuadrados de A Illa. Tamén para conmemorar o XXV aniversario elaborouse unha exposición con imaxes e nomes das 24 dornas e tripulantes que acadaron a victoria durante todos estes anos.
Desde Dorna destácase como foi medrando a participación neste evento. De feito, en 1985, cando se celebrou a primeira das regatas, só participaron 13 embarcacións, número que se elevou a 25 na segunda edición. Nos últimos anos, a participación non baixou moito das corenta dornas.
A seguinte aportación de A Illa á preservación deste tipo de embarcacións foi a posta en marcha da Escola de Navegación Tradicional, unha iniciativa que permitíu formar a varias decenas de mariñeiros e conseguir expandir a aposta pola preservación da etnografía mariñeira de Galicia. Queda pendente a construcción dunhas instalacións dignas para poder gardar as embarcacións, que nestes momentos se deixan en O Bao durante o verán, mentres que para pasar o inverno teñen que recurrir a alquilar unha nave en Vilaxoán.
Volta en bicicleta
Ademais da navegación, vaise celebrar a I Volta Á Illa en Bici, impulsada polo colectivo Arousa en Bici, percorrendo os participantes todo o perímetro do municipio mentres se desenvolve a proba.
Os integrantes de Arousa en Bici non dubidaron en sumarse ás celebracións polo XXV aniversario da proba xa que, como afirmaron durante a presentación, "A Illa ten uns importantes valores ecolóxicos que coas sendas peatonais que se están a construir, agardamos que animen á xente a desfrutar da beleza deste importante espazo natural". Esta tese foi respaldada polo propio alcalde de A Illa, Manuel Vázquez, que non dubidou en recoñecer que "A Illa non está feita para os coches, por iso agardo que a maioría dos veciños opten por usar máis un medio de transporte como é a bicicleta.
Recoñecemento
Na presentación tamén estivo o expresidente, e agora vogal, da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Fernando Piñeiro, que ademais de felicitar a Dorna por este aniversario, lembrou todos os avances que se rexistraron no mundo das embarcacións tradicionais durante este tempo.
De estar a piques de desaparecer, o patrimonio marítimo galego converteuse nun exemplo de preservación para toda Europa, traballo que foi premiado recentemente ao incluir a FGCMF dentro do European Maritime Heritage, a organización máis importante neste sector, con contactos na Unión Europea e na Unesco.
Ademais, dentro de Galicia acadouse un importante recoñecemento social, gracias sobre todo á celebración dos Encontros de Embarcacións Tradicionais en algúns dos portos máis emblemáticos.
Encontros en Muros
Este ano, a quenda tócalle a Muros, onde no primeiro fin de semana de xullo se van celebrar os IX Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia, a onde ademais das embarcacións da ría de Arousa, van a participar varias delegacións procedentes doutros puntos de Europa.